Trivago recoñece a Santiago como a cidade estatal de meirande reputación hostaleira en liña

xoves, 24 de xaneiro do 2013 Fernando Sarasketa

O servizo Trivago, especializado en achegar facilidades aos internautas viaxeiros co fin de que elixan o hotel que máis lles conveñen ás súas necesidades, vén de elaborar un estudo (dispoñíbel en formato de prensa en PDF) acerca da reputación en liña dos establecementos das principais cidades españolas. Dáse, ao seu abeiro, a boa nova de que a urbe con máis prestixio en liña en Santiago de Compostela, seguida de Oviedo, Valencia, Burgos e Córdoba. Isto significará, entre outras cousas, que a capital galega e as outras catro cidades recibirán un recoñecemento na gala de entrega dos Trivago Online Reputation Awards 2013, no marco da vindeira feira FITUR.
A análise realizouse nas 40 cidades españolas con maior número de hoteis, téndose en conta 1.7 millóns de opinións de usuarios rexistradas tanto nas diferentes plataformas de Trivago como nas webs de reserva que compara.
Finalmente, Santiago resultou ser a cidade española con mellor reputación en liña, cunha valoración media de 82.05 puntos sobre cen. Xunto a Oviedo, con 80.19 puntos, son os únicos destinos analizados que superan os 80 puntos. Valencia, con 79.82, é a terceira do ranking, Burgos é a cuarta, con 79.74, e Córdoba, a quinta, con 79.71. O resto de cidades que conforman o ranking do dez cidades con mellor reputación dixital son Salamanca (79.70), Barcelona (79.56), Málaga (79.40), Bilbao (79.17) e Zaragoza (78.98).
Como lembraremos, estes galardóns xorden para recoñecer o bo traballo dos aloxamentos das cidades estatais, “xa que a reputación a través das redes tecnolóxicas é un dos factores que máis inflúen tanto na decisión de compra dos viaxeiros como na creación dunha imaxe de marca sólida por porte dos hostaleiros”, informa Trivago.

PUBLICIDADE