Turismo leva a tecnoloxía galega a Creta
martes, 7 de setembro do 2010
A Secretaría Xeral para o Turismo,
dependente da Consellería de Cultura e Turismo, vai viaxar ata Creta, do 21 ao
23 de setembro, para participar nun workshop
baseado no potencial das tecnoloxías da información aplicadas a este sector,
onde mostrará as bases do uso dunha economía do turismo sostible.
Este workshop,
ao que acudirán entre outras personalidades, o xefe de servizo de Programas
Europeos e Planificación Turística da Secretaría Xeral para o Turismo, José
Luis Maestro, enmárcase no proxecto europeo I-Speed,
e ten como obxectivo mellorar a competitividade e sostibilidade da economía do
turismo dende as entidades locais e rexionais a través da mellora das súas políticas
e ferramentas tecnolóxicas.
Neste workshop
de Creta, o conxunto do partenariado exporá os resultados do grupo de traballo
de identificación e análise de boas prácticas, que está liderado polo socio do condado
de Hedmark (Noruega) e que servirá de mostra para a elaboración dunha guía de
boas prácticas que mellore as políticas da economía do turismo sostible.
Esta guía, que se poderá visualizar logo
na páxina web do proxecto, contribuirá,
entre outras cousas, á difusión obxectiva destas para promover a transferencia
de resultados a outras organizacións mesmo fóra do partenariado. No workshop de Creta intervirán tamén
expertos externos e gurús e referentes das tecnoloxías da información aplicadas
ao turismo na Unión Europea.
O proxecto I-Speed, que rematará en decembro de 2012, vense artellando en base
a varias reunións, como a reunión de lanzamento, celebrada en Venecia en
febreiro de 2010, no que participou a secretaria xeral para o Turismo, Mª
Carmen Pardo, que explicou, entre outras cuestións, o Plan Estratéxico de
Galicia da Sociedade da Información (PEGSI) 2009-2013.
Asemade, neste mesmo encontro, Carmen
Pardo presentou a web 2.0 de Turgalicia e do Xacobeo, así como todos os gadgets que puxeron en marcha xunto coas
redes sociais.
A última das reunións, celebrada no
pasado mes de maio en Hedmark (Noruega), serviu para o intercambio de
experiencias entre os socios. No encontro incidiuse na necesidade de usar estas
ferrramentas tecnolóxicas non só no no marco administrativo, senón tamén na
promoción dos recursos turísticos dos diferentes territorios, como pode ser a
promoción dunha igrexa a través dunha visita virtual.
Xa noutro acto, concretamente no encontro
de Noruega, quedou de manifesto “a
sensibilización do goberno galego para coa Sociedade da Información
actual, plasmada no orzamento de 260
millóns de euros para o Plan Estratéxico Galego da Sociedade da Información
2009-2013 (PEGSI)”.
Na actualidade, existen en Galicia 317
espazos de acceso público a Internet agrupados que forman a Rede Galega
Integral de Centros ao servizo da Sociedade da Información, o que permite ao
goberno autonómico estar presente en 227 dos 315 concellos galegos. Ferramentas
como a plataforma de turismo rural de
Turgalicia, presentada en maio deste ano, facilita aos establecementos de
turismo rural da comunidade a comercialización on line e a formación neste tipo de dispositivos.
A finalidade é, segundo informan dende o
executivo, “a de fomentar o
desenvolvemento dunha economía do coñecemento para acadar a converxencia de
Galicia cos obxectivos fixados pola UE na estratexia de Lisboa”.
Os socios que compoñen o partenariado do I-Speed xunto á Secretaría Xeral para o
Turismo son a cidade de Venecia, xefe de fila do proxecto; condado de Hedmark
(Noruega), cidade de Varsovia, Concello de Plovdiv (Bélxica), Rexión de Creta,
condado de Powys (Gran Bretaña), Concello de Bucarest, Parkstad Limburg
(Holanda) e a provincia de Roma.
