Tras a publicación na Rede de 135 GB de datos supostamente filtrados do servizo de streaming Twitch, a filial de Amazon recoñece a vulneración da súa seguridade, e asegura que dará máis datos ao respecto en canto realicen unha exhaustiva análise do acontecido, que probablemente sexa unha das filtracións deste tipo máis graves da historia, xa que os datos expostos inclúen o código fonte do servizo, ferramentas de uso interno e incluso informacións sobre os ingresos que reciben de Twitch os seus streamers máis populares.
Que estea dispoñible tal cantidade de información pode ser un serio problema de seguridade a longo prazo, xa que o código fonte de toda a plataforma fai doado atopar novas vulnerabilidades que explotar no futuro, desvela mecanismos de funcionamento internos e incluso sacaron a relucir que Amazon Game Studios estaba a preparar unha tenda de videoxogos para competir con Steam.
A filtración tamén pode ter serias repercusións para os creadores de contido, xa que a divulgación dos cartos que conseguen a través das subscricións de Twitch poden afectar á súa reputación (para ben ou para mal). Por exemplo, dende agosto de 2019 Auronplay tería cobrado máis de 3 millóns de dólares, Ibai máis de 2,3 millóns, Rubius preto de 1,8 millóns e TheGrefg preto de 1,3 millóns; e iso só serían parte dos ingresos destas celebridades que terían realizado con grande éxito o salto de plataformas como YouTube a Twitch.
Aínda que ata que Twitch non dea máis datos non podemos estar seguros da gravidade da filtración de datos, cómpre recomendar aos usuarios que muden os seus contrasinais e incluso activen a autenticación en dous pasos, para manter as súas contas máis seguras.
Twitch padece unha grande filtración de datos
Compartir Este Artigo
