Twitch permite o simulcast a través de calquera plataforma de streaming

luns, 23 de outubro do 2023 Marcus Fernández

No marco da Twitch Con Las Vegas 2023 realizáronse unha serie de anuncios relativos á plataforma de streaming en directo máis popular entre os xogadores e a mocidade, como melloras nas historias ou no editor de clips, máis opcións de colaboración, un endurecemento do código de condutas (para prohibir explicitamente certas técnicas de acoso) e, moi especialmente, un cambio que algúns poderían ver como que o inferno se conxela, pois deixan de prohibir o simulcasting, ou sexa, a retransmisión de directos en varias plataformas ao mesmo tempo.
Inicialmente os usuarios de Twitch tiñan que facer os seus directos en exclusiva, aínda que coa posibilidade de resubilos a outras plataformas 24 horas máis tarde, pero en agosto comezaron a abrir o simulcasting a servizos móbiles como TikTok e Instagram e, finalmente, actualizaron as normas do servizo para que se poida retransmitir en directo a través de calquera servizo de streaming a un mesmo tempo.
En calquera caso, Twitch esixe un mínimo de compromiso coa plataforma ao facer simulcasting, como o feito de que, por exemplo, se atenda aos comentarios do chat de Twitch, non se compartan ligazóns que leven aos usuarios a outros servizos e non se empreguen ferramentas de terceiros que permitan combinar chats de varias plataformas, buscando así que se manteña a integridade da comunidade de Twitch.