Twitch toma medidas para non converterse nun casino

mércores, 21 de setembro do 2022 Marcus Fernández

Nos últimos meses a plataforma de vídeo Twitch experimentou un incremento desproporcionado de retransmisións relacionadas con apostas de distinto tipo, como máquinas comecartos virtuais, ruletas e outros xogos de azar que en moitos casos servían de promoción para páxinas web de apostas con acordos moi lucrativos para os streamers (algún estaba a ingresar máis dun millón de dólares ao mes). Esta situación estaba a propiciar unha mala imaxe de Twitch como espazo seguro, levando a que varios streamers ameazasen con boicotear a plataforma se non deixaban de propiciar a ludopatía, e finalmente Twitch move ficha e anuncia novas normas relativas ás apostas en Twitch.
Aínda que a política de Twitch prohibe expresamente compartir ligazóns e códigos para páxinas web de comecartos, ruletas ou xogos de dados, certas canles conseguiron sortear a norma, de aí que teñan que reformala, de xeito que a partir do 18 de outubro prohiben o streaming de webs de apostas que carezan de medidas de protección ao consumidor, destacando os casos de Stake.com, Rollbit.com, Duelbits.com e Roobet.com. O que seguirán a permitir son as páxinas web de apostas deportivas e póker.

PUBLICIDADE