Aínda que Twitter é unha plataforma social centrada no texto, foi incorporando contidos multimedia de distinto tipo, e avanzando nesta liña veñen de iniciar a incorporación dun tipo de contido menos habitual do desexable: a voz. Habitualmente é doado compartir texto, fotografías e vídeo na Rede, pero os contidos sonoros están bastante limitados, en boa medida por medo á infracción dos dereitos de autor, pero a mensaxería instantánea puxo de moda o uso da voz para a comunicación, de xeito que moitos usuarios agradecerán poder trasladar tal práctica a Twitter, aínda que non faltan voces que apuntan a que tal opción carece de demanda e pode rematar estragando a plataforma ao restarlle axilidade.
A incorporación da voz a Twitter é bastante sinxela, xa que na composición dun novo chío teremos un botón cunha icona de ondas sonoras que permitirá iniciar a gravación de voz, cunha gravadora que incluso conta con botón de pausa, e que permite así rexistrar audio e poder compartilo inicialmente nas publicacións iniciais (as respostas de voz aínda non están implementadas).
A voz en Twitter ten un límite de 140 segundos por chío, ou sexa, que comparte a mesma limitación que o vídeo, en boa medida porque a meirande parte dos usuarios verán as publicacións de voz en forma dun vídeo co avatar do creador da gravación, aínda que en móbiles con iOS será posible que esta reprodución sonora se integre nunha fiestra ancorada na parte inferior da pantalla, permitindo así seguir usando a aplicación mentres se escoita a mensaxe de voz. As gravacións sonoras que superen os 140 segundos poderán encadearse en fíos de Twitter dun máximo de 25 elementos, de xeito que poderiamos ter narracións sonoras de máis de 58 minutos de duración.
Polo momento esta funcionalidade está limitada a un grupo limitado de usuarios da aplicación de Twitter para iOS, e nas vindeiras semanas chegará a todos os dispositivos con iOS a nivel mundial, estando aínda por decidir cando a prestación chegará a Android e á versión web de Twitter, así como a posibilidade de responder a chíos con mensaxes de voz.
Aínda que sexa comprensible o rexeitamento de moitos usuarios ante esta novidade, enténdese que temos aquí a apertura de novas posibilidades, tanto para narradores como para oíntes, que poderá ter certa importancia de cara á cobertura de eventos de última hora, ou para compartir contidos que sexan principalmente sonoros. Tamén podería provocar a proliferación da narración oral que deixamos bastante de lado na Internet e agora podería recuperar o espazo que merece.
Twitter abre as portas aos chíos de voz
Compartir Este Artigo
