Twitter amplía as lonxitudes dos nomes de perfil até os 50 caracteres

venres, 10 de novembro do 2017 Marcus Fernández

Ao ampliar o número máximo de caracteres por chío en Twitter até os 280, parece evidente que agora a plataforma social pode ampliar máis límites, e aínda que a lonxitude máxima dos nomes de usuario continúa limitada a 15 caracteres (mudar este factor podería ter repercusións moi serias, tanto por provocar cambios masivos e nomes de usuario como facilitando a suplantación de identidade) o nome longo que figura xunto aos mesmos si amplía de lonxitude, pasando de 20 a 50 caracteres de máximo.
A ampliación da lonxitude dos nomes en Twitter busca que as persoas poidan amosar o seu nome completo, engadir un alcume, ou incluso algunha emoticona, facendo máis variado ese elemento que estaba restrinxido polo reducido espazo en pantalla que Twitter pretendía para os chíos.
Pero esta medida de Twitter está a verse de xeito bastante crítico por moitos, que parecen ver aquí unha cortina de fume para desviar a atención do sistema de verificación de contas de Twitter, que está no medio da polémica tras verificar a conta de Jason Kessler, o organizador das protestas de Charlottesville nos EE.UU. e unha das cabezas visibles da extrema dereita estadounidense e, aínda que a verificación dunha conta non supón a súa aprobación, vendo o rexeitamento público provocado, decidiron conxelar o proceso xeral de verificación de contas mentres non corrixen os protocolos para facer tal.
Para deixar clara a crítica ao proceder de Twitter, moitos usuarios están a promover o cancelo #WouldPreferThatYouBanNazis, ou sexa, que indícase claramente que o cambio nas lonxitudes dos nomes non é dabondo para arranxar o problema de imaxe tras verificar a conta dun usuario da dereita radical. Cómpre detallar que o procedemento de verificación de contas de usuario non parou de recibir críticas dende o seu inicio, principalmente pola súa arbitrariedade, xa que rexeitan en numerosas ocasións a figuras públicas que incluso achegan documentación de identificación persoal, mentres outras persoas con menor presenza social e mediática gozan da verificación da súa conta de usuario de xeito doado ou incluso sen solicitalo persoalmente.

PUBLICIDADE