Twitter anuncia novas medidas contra o spam

xoves, 22 de febreiro do 2018 Marcus Fernández

TweetDeck xa se adaptou ás novas normas de Twitter

O spam non é só un problema para o correo electrónico, senón que tamén afecta moi seriamente a plataformas como Twitter, que está agora a implantar novas medidas para loitar contra estra lacra, para o que agora van pór cancelas á automatización de mensaxes e ao uso de múltiples contas de usuario. Deste xeito Twitter está a mudar as súas normas para prohibir a publicación de contidos idénticos ou moi semellantes a través de múltiples contas para gañar visibilidade, o que aplicarase tanto a publicacións en tempo real ou a mensaxes programadas para publicacións futuras, de xeito que se alguén quere mandar a mesma mensaxe dende varias contas sen que tal actuación se considerase spam tería que recorrer aos rechouchíos.
Tamén prohiben accións simultáneas a través de varias contas como rechouchiar, seguir ou dar a gústame (dificultando os seguimentos masivos de contas por parte de sistemas automatizados).
As novas normas afectan principalmente a quen desenvolve aplicacións ou ferramentas que fan de clientes de Twitter, e para dar exemplo a primeira en actualizarse é TweetDeck, que xa desactivou a posibilidade de realizar accións simultáneas con varias contas. O resto de aplicacións e servizos teñen até o 23 de marzo para cumprir coas novas normas.

PUBLICIDADE