Twitter lanza un servizo de eventos co que captar novos usuarios

xoves, 14 de outubro do 2010 Raquel Noya

As redes sociais están de rabiosa actualidade por dous motivos. O primeiro deles é que estamos agardando como auga de maio a que se estree oficialmente no noso país a película A Rede Social, baseada na historia do creador de Facebook, Mark Zackerberg, e o segundo dos motivos vén a conto despois de ver o último informe da UE sobre o uso das mesmas nos países membros, onde se indica que estamos á cola de usuarios de redes sociais en Europa.
Xa que logo é normal que Twitter, unha das ferramentas en liña máis populares da Rede, desenvolva unha política de marketing específica para atraer a novos usuarios e superar así a outras curmás semellantes.
A estratexia para conseguilo é o novo servizo Events, co que o seu cofundador, Evan Williams, asegurou que “Twitter chegará aos mil millóns de membros”.
A diferencia do antigo Trends, que rastrexa palabras famosas, frases o hashtags, Events rastrexará un grupo de letras que se asocian cun evento e que, segundo os seus creadores, vai converter os 145 millóns de usuarios que ten actualmente a rede social nos mil millóns de usuarios anunciados.
Para acadalos, a compañía pretende, entre outras cousas, seguir incorporando novidades como o redeseño da súa interface, facéndoa moito máis práctica e intuitiva, e con opcións de configuración que tratarán de facer que sexa o menos intrusiva posible para os usuarios.
Porén a principal característica de Events (eventos) será precisamente evitar que os usuarios reciban alertas innecesarias ou molestas se non están interesados nalgún evento en concreto. A capacidade de poder filtrar os tweets será, tal e como presume Williams, “un elemento que os usuarios estarán encantados de empregar”.