Twitter permite mesturar distintos tipos de contido nun único chío

mércores, 5 de outubro do 2022 Marcus Fernández

Os chíos de Twitter poden incluír contidos multimedia de distinto tipo, pero até agora, cando queremos engadir varios contidos á vez, estes tiñan que ser imaxes, algo que vén de mudar, de xeito que xa poderemos mesturar nun único chío vídeos, imaxes e GIF, o que supón unha maior flexibilidade á hora de comunicarnos en Twitter.
Dende hoxe podemos engadir até 4 vídeos, imaxes e/ou imaxes animadas en formato GIF por cada chío, aínda que a publicación destes chíos mesturados limítase polo momento ás aplicacións móbiles para Android e iOS, aínda que o consumo destas publicacións tamén pode realizarse en calquera outra plataforma.
Esta sería unha das medidas que Twitter está a tomar para potenciar a publicación de contidos multimedia, para o que están a implementar un novo formato de vídeos a pantalla completa e un carrusel de vídeos na pestana de Explorar.

PUBLICIDADE