Twitter prohibe os clientes de terceiros mentres se agrava a súa situación económica

venres, 20 de xaneiro do 2023 Marcus Fernández

Tras a fonda polémica provocada polo bloqueo da API de Twitter a aplicación de terceiros como Tweetbot, Twitterrific, Fenix ou Talon, agravada polo feito de que Twitter non daba ningunha explicación nin en público nin en privado sobre o que estaba a acontecer, finalmente saíron á palestra a recoñecer que «algunhas aplicacións non funcionan» argumentando que non cumprían coas normas da API de Twitter, seguindo a lóxica dominante nos últimos meses nesta plataforma sociai: actuar e logo adaptar as normas para xustificar o que se fai.
Nesta ocasión o Contrato de Desenvolvedores adaptouse no apartado II.A incluíndo un novo apartado c) que recolle a prohibición de «crear un substituto ou produto ou servizo semellante ás aplicacións de Twitter», sendo unha vez máis descarada a modificación como pode comprobarse dun xeito tan sinxelo como consultando as mesmas normas en español, onde non aparece tal cláusula por ningures.
Os desenvolvedores de aplicacións como Twitterrific (que foi a que creou a expresión tweet e asociou a imaxe de Twitter a un paxaro azul) amosaron a súa indignación por non ter sido advertidos de ningún cambio nas normas da API de Twitter, e ante a situación actual vense na obriga de eliminar a súa aplicación das tendas, o que supón o adeus á que foi a primeira aplicación para o escritorio e dispositivos móbiles que facilitaba o acceso a Twitter. Outras aplicacións están a seguir o mesmo camiño, no que en moitas ocasións supón directamente o peche das súas empresas responsables pois, aínda que algunhas vaian centrarse en trasladar a súa experiencia á creación de clientes de Mastodon e outras plataformas sociais, dificilmente acadarán un volume de usuarios noutras plataformas que manteña a viabilidade do seu negocio.
Todo indica que Elon Musk decidiu expulsar de Twitter as aplicacións de terceiros porque facilitaban o acceso ao servizo sen amosar a súa publicidade, e aínda que matar a aplicacións históricas poida supor perder milleiros de usuarios, os ingresos publicitarios da compañía están nunha situación crítica, de aí que tomasen unha decisión tan impopular. Concretamente aseguran que os ingresos diarios en publicidade tiveron unha caída interanual do 40%, provocada principalmente pola perda de confianza dos anunciantes tras facerse Musk co control da compañía. Tamén hai medios que comentan que para atraer de novo a algúns anunciantes Twitter está a ofrecerlles promocións a través das que dobran o investimento en publicidade realizado. Dentro destas medidas desesperadas tamén están permitindo que os usuarios de Twitter Blue poidan pasar de pagar mensualmente polo servizo a facelo anualmente a cambio dun desconto do 12,5%, oferta que resulta moi pouco atractiva, xa que supón un compromiso a longo prazo que para moitos non está xustificado, dando a impresión de que dende Twitter o único que están a procurar conseguir ingresos a moi curto prazo ante os grandes problemas económicos que teñen.
A actual crise de Twitter tamén está a ter un grande impacto a nivel laboral, e dende a chegada de Musk a perda de traballadores sería moi superior á que se pensaba inicialmente, chegando até o 80%. A compañía estaría a operar dun xeito moi precario, con recortes no cadro de persoal (de xeito que só contaría actualmente con 550 enxeñeiros a xornada completa) e en moitos outros gastos (Musk non está a pagar os alugueres das súas oficinas, nin as indemnizacións por despedimento dos seus empregados, e incluso dan conta de que nalgunha das sedes os traballadores teñen que levar o papel hixiénico da casa), e adoptáronse algunhas medidas moi problemáticas como autorizar a uns 130 traballadores de compañías ligadas a Elon Musk a traballar para Twitter pese a que en audiencias previas advertiron a Musk de que esas compañías non eran da súa propiedade (ou sexa, que facer que un enxeñeiro de Tesla traballase para Twitter, que si é unha empresa propiedade de Musk, podería ter consecuencias legais).