Twitter renova a súa portada

mércores, 29 de xullo do 2009 Marcus Fernández

Twitter cambiou o deseño da súa portada, no que pode parecer unha simple modificación estética, pero que vai máis aló ao potenciar elementos desta plataforma de microblogging como a busca ou unha selección de etiquetas que reflicten os temas máis relevante do momento, do último día ou da última semana, de xeito que xa non é un servizo orientado só a seguir os comentarios dos nosos amigos, senón que tamén pode entenderse coma un sistema para tomar o pulso da actualidade, o que serve de reclamo para moitos usuarios.
O buscador de Twitter leva moito tempo en funcionamento, e nos últimos meses foi cambiando a súa relevancia, ata colocarse na columna dereita da web do servizo, e agora tamén na súa portada, deixando constancia da evolución que está a ter esta plataforma de comunicación, cada vez máis válida para achegar información de última hora.
Coa reforma da portada o servizo tamén resulta máis sinxela, contribuíndo ao acceso aos contidos publicados en Twitter e facendo que o formulario de introdución do nome de usuario e o contrasinal por parte dos usuarios actuais non estea visible agás que premamos na opción correspondente (simplificando a interface ao resto do público).

Twitter leva tempo potenciando as buscas na súa plataforma