Twitter retransmitirá en directo a alfombra vermella dos Globos de Ouro

luns, 19 de decembro do 2016 Marcus Fernández

A Hollywood Foreign Press Association (HFPA) Dick Clark Productions e Twitter anunciaron hoxe que ían colaborar para que o programa especial The HFPA Presents: Globes Red Carpet Live, ou sexa, o programa televisivo que precederá á gala dos Globos de Ouro o vindeiro 8 de xaneiro poderá seguirse nos EE.UU. a través de Twitter, onde estará dispoñible un espazo web que permitirá o seguimento en vídeo en directo, así como do que se comente a través das contas oficiais do evento.
Este especial de 2 horas é obra de Dick Clark Productions, e permitirá que dende Twitter poida verse en directo a alfombra vermella do Beverly Hilton, ofrecendo así un asento en primeira fila dun dos eventos máis importante da industria cinematográfica mundial, considerado como a antesala dos Oscars.
Con esta retransmisión en vivo a HFPA quere aproveitar a forza de Twitter á hora de conectar coa audiencia en vivo e, en vez de ofrecerse como unha segunda pantalla, ofrece a posibilidade de facer un seguimento completo a través de Twitter, como xa fixeron nos últimos meses con varias retransmisións deportivas ou mesmo cos comicios electorais norteamericanos, deixando claro que cada vez as plataformas en liña teñen máis forza para substituír a medios audiovisuais tradicionais.

PUBLICIDADE