Un areal de Nova Jersey converterase en 2008 na primeira praia do futuro (con Wifi e RFID)

xoves, 9 de agosto do 2007 Matías Olazabal

Segundo informa a cadea norteamericana CNN, a praia de Ocean City, en Nova Jersey, podería transformarse na primeira zona de lecer equipada con tecnoloxía punta a partir do vindeiro verán, logo dun investimento de 3 millóns de dólares. O proxecto inclúe o equipamento de todos os servizos da zona con sistemas de Wifi e do denominado RFID (sistema de seguridade empregado nas tendas comerciais), e grazas ó uso de ámbalas tecnoloxías, poderíase ter un meirande control sobre as persoas que entran ou saen da zona, ademais de mellorar notablemente o servizo ós visitantes.

O adianto máis importante sería a incorporación dun chip identificativo nunha pulseira de seguridade que se obtería tras pagar a entrada á praia (si, escoitaron ben, nos Estados Unidos págase por entrar nalgúns areais) e que permitiría -por exemplo- realizar pagos dentro do recinto, así como tamén ligalos ós doutras persoas (por exemplo un fillo) e seren alertados mediante un SMS se alguén do grupo abandona unha determinada zona

Tanto os colectores como o aparcamento tamén estarían informatizados, e mentres que os primeiros alertarían aos servizos de recollida cando estiveran a piques de rebordar, a zona de parking podería indicar cantos sitios fican ceibes e como achegarse ata eles sen dar rodeos.

Os impulsores do proxecto queren salientar que grazas á implantación do devandito sistema tamén poderían mellorar os servizos de control, xa que saberían en todo momento o número exacto de asistentes na costa, permitindo así aumentar a presenza policial o de efectivos de vixilancia.

PUBLICIDADE