Un cento de empresas do sector teleco xúntanse no Encontro Unify da man da galega Telenets

mércores, 2 de decembro do 2015 Redacción

Recentemente celebrouse nas Adegas Cálem de Vilanova de Gaia (Portugal) un encontro de empresas cos denominadores comúns de seren do sector das telecomunicacións e colaboradoras de Unify, a compañía internacional de software e negocios na nube. Na xuntanza (terceira edición do Encontro Unify Spain) houbo presenza galega. Máis polo miúdo a da empresa Telenets, con sede oficial en Mos e exercendo de patrocinadora principal da reunión de Vilanova. No transcurso da xuntanza Unify aproveitou para presentar un novo proxecto que, nas súas palabras, “será unha revolución no mundo da comunicación e axudará ás empresas a levar unha mellor e máis sinxela xestión no seu día a día”. O nome do devandito proxecto é Circuit. O evento xuntou máis de 100 empresas do sector das telecomunicacións da Península.
Segundo nos contan dende Telenets, o prato forte da xornada celebrada nas Adegas Cálem foi un máis que interesante conxunto de novidades tecnolóxicas (servizo, soporte técnico) e de oportunidades para o negocio e a formación de calidade. O evento contou coa presenza de Nicolás Aguado, director e xestor de Canle España e Portugal de Unify Spain (quen confirmou ter “o potencial e recursos precisos para adaptarse e mesmo para ir por diante da tecnoloxía que esixe a sociedade actual”) e de Thomas Veit, vicepresidente de Canles Unify para EMEAR (Europa, Medio Oriente, África e Rusia), que compartiu cos presentes a arela de facer da marca Unify “un referente no mercado da telecomunicación”, apoiándose para iso en estratexias de mercadotecnia tradicional e en liña, co obxectivo de incrementar a súa presenza e xerar maior visibilidade de marca. Aproveitou tamén para reiterar o apoio da compañía cara a todos os socios e distribuidores.
Telenets, principal organizador do evento, destacou “o soporte e crecemento constante que ofrece aos seus partners e clientes”, apostando pola formación de calidade, que avala a compañía galega como único centro oficial de formación Unify en España, contando ademais co Certificado Pearson Veu.
A sobremesa da xuntanza chegou coa posta en longo de Circuit por parte de Unify, en palabras da compañía “un sistema de comunicación á vangarda da mensaxería instantánea que integra voz, vídeo e datos, e que está pensado de xeito específico para a xeración dos millennials, que demandan axilidade, produtividade, eficiencia, accesibilidade e profesionalidade para comunicacións”.