Un ciclo de debates abordará a sustentabilidade dos medios dixitais

martes, 19 de novembro do 2013 Marcus Fernández

O vindeiro mércores 27 de novembro no Kunsthalle (Piso Cero) da compostelá rúa da Conga celebraranse os primeiros Encontros 2.0 baixo o lema de (sobre)vivir na Rede, cunha mesa de debate no que participarán o xornalista David Lombao, director de Praza Pública; o blogueiro Felipe Rivero, responsable de Uruloki.org; e a Cora Peña, realizadora do documental O Tesouro de Corcoesto que verá a luz grazas a unha campaña de micromecenado. Discutirán sobre a actual situación do medios de comunicación na Internet, o uso do micromecenado, o coworking e o reader-support no financiamento dos mesmos e de proxectos relacionados.
Os Encontros 2.0 queren converterse nun lugar de encontro onde discutir os retos que os profesionais e afeccionados da información, a comunicación e o lecer atopan para sustentar medios no dinámico marco da Internet. Procurarán ter una periodicidade mensual, contando con convidados de medios dixitais que abordarán certos temas como a captación de financiamento para medios dixitais, a fugacidade dos contidos, a comunicación cos usuarios ou os formatos que deben atopar certos contidos.

PUBLICIDADE