Un de cada tres internautas compra libros por Internet
martes, 21 de abril do 2009
Se un estudo pode vir máis a conta coas
iniciativas que vimos de presentar hoxe en Código Cero (a da estrea do
primeiro “outlet” en liña de
Planeta e a posta en marcha da Biblioteca Dixital Mundial), ese é o elaborado
polo portal de compra-venda PriceMinister.es,
que vén de revelar que un de cada tres internautas do noso país adquiriu algún
libro a través de Internet nalgunha ocasión.
A Rede está a vivir un momento máis que
axeitado para as vendas, debido sobre todo ao descenso dos prezos respecto das
tendas físicas, e esta nova canle de distribución tamén beneficia aos libros,
que a pesar de ter os seus competidores máis directos nos blogs e nas páxinas
especializadas, atopan en Internet un “mercado
de ocasión” sen igual.
Segundo apunta o estudo realizado con
motivo do Día Internacional do Libro e Sant Jordi (que lugar o vindeiro xoves 23
de abril), o 31 por cento dos españois internautas ten comprado un libro por
Internet nalgunha ocasión, de xeito que a venda de libros en liña medrou seis
puntos con respecto ao pasado ano, cando a porcentaxe era do 25 por cento.
Por outra banda, a venda de segunda man
representa unha da maiores cotas do incipiente mercado de compra-venda de
libros por Internet, xa que ata un 11 por cento dos internautas vendeu ou
comprou un nalgunha ocasión a través deste medio.
En canto aos sexos, as mulleres compran e
venden máis libros pola Rede que os homes e as idades dos e das internautas
máis activos neste senso atópanse entre os 25 e os 34 anos.
O cofundador e presidente de
PriceMinister, Pierre Konsciusko-Morizet, asegura que as razóns do éxito da
compra-venda de libros por Internet débense a que este medio permite ofrecer “prezos moi competitivos” e que “estes non varían moito dunha tenda a outra”.
