Un equipo da UVigo desenvolve unha app para previr condutas aditivas nas redes

luns, 1 de febreiro do 2021 Pedro Pérez

Un equipo multidisciplinar da Universidade de Vigo (Campus de Ourense) está a desenvolver Dixitou, un proxecto de análise e prevención de condutas aditivas e de risco da mocidade nas redes sociais. O proxecto, liderado por Rubén González, profesor da Facultade de Educación e Traballo Social, e por María Encarnación González, profesora da Escola Superior de Enxeñaría Informática, susténtase na creación dunha aplicación móbil con formato xogo dirixida á mocidade.
A iniciativa nace nun contexto no que “o uso das novas tecnoloxías son xa parte esencial na vida cotiá de mozos e mozas en toda a xeografía española”, e os coordinadores do proxecto sinalan como esta iniciativa “servirá de ferramenta para a prevención de comportamentos de risco no uso das redes sociais, buscando minimizar os seus perigos e aumentando o coñecemento sobre este”.
Dixitou arrincou en 2020 cunha análise por parte do persoal investigador, que estuda as condutas derivadas dun uso intensivo das redes sociais por parte do alumnado da ESO da provincia de Ourense, e o seu nivel de relación con diferentes variábeis sociodemográficas e socioeducativas.
O traballo de campo consistiu na realización dunha serie de enquisas a 178 estudantes do centro da provincia, con idades comprendidas entre os 12 e os 16 anos. Os datos máis destacados foron o uso de Whatsapp, Tiktok e Instagram como redes usadas con máis frecuencia, e “ que a adicción ás redes sociais é máis frecuente entre as mozas”.
Tras a fase de investigación, o equipo deseña Dixitou, que consiste nun xogo no que os participantes teñen que superar 18 preguntas de verdadeiro ou falso, formadas por un vilán, unha persoa aliada e un troll. O software tamén proporciona un decálogo coas regras básicas a aplicar para realizar un bo uso destas redes sociais. A aplicación pretende ser simple e intuitiva, amigábel e “familiar”, empregando elementos propios dos xogos máis populares para móbiles, como avatares, vidas, puntos, etc. Dixitou está previsto que estea dispoñíbel para o público unha vez sexan incorporadas as achegas deste persoal e poida ser tamén avaliada por alumnado de centros de Ensino Secundario Obrigatorio cando a situación sanitaria o permita.

PUBLICIDADE