Un estudo confirma a proliferación de lixo feito con IA en YouTube

luns, 29 de decembro do 2025 Redacción

Un informe elaborado pola empresa Kapwing alerta sobre a crecente presenza de vídeos xerados con intelixencia artificial que poderiamos considerar lixo na principal plataforma de vídeo do mundo, YouTube. Segundo a investigación, entre o 21 % e o 33 % do contido que aparece no feed podería encaixar nesta categoría, especialmente no formato de Shorts, cun impacto significativo tanto no consumo como na economía da plataforma.
O estudo amosa como proliferan canles que explotan a capacidade da IA para xerar contido masivo, repetitivo e de baixa calidade co único obxectivo de captar atención, visualizacións e ingresos publicitarios. Este tipo contido coñécese habitualmente como AI slop, aínda que existe unha parte especialmente lamentable, que se describe como brainrot ou podremia mental, pola súa absurdeza e nulo valor narrativo, suxerindo que pode chegar a deteriorar a mente dos consumidores.
Para medir o alcance real desta tendencia, Kapwing analizou as cen canais en tendencia de cada país e identificou aquelas baseadas en AI slop. A continuación, recompilou datos de visualizacións, subscricións e ingresos estimados a través de Social Blade, ademais de simular a experiencia dun novo usuario consumindo 500 Shorts consecutivos.

España é un dos países máis susceptibles ao contido lixo feito con IA

España é o país con máis subscritores nas canles máis populares de contido lixo creado con IA

Os resultados amosan diferenzas relevantes por países. España encabeza o ranking de subscritores en canles de AI slop en tendencia, cun total de 20,22 millóns, a pesar de contar só con oito canles deste tipo entre as cen principais. Corea do Sur, pola súa banda, destaca polo volume de reproducións, cun total acumulado de 8,45 mil millóns de visualizacións, moi por diante de países como Paquistán, Estados Unidos ou España.
No caso español, o peso dunha única canle resulta determinante. Imperio de Jesús, con preto de 5,87 millóns de subscritores, converteuse nun dos maiores expoñentes globais deste tipo de contido, baseado en vídeos relixiosos xerados con IA e formulados como xogos de elección binaria fronte a personaxes recoñecibles da cultura popular. Outras canles en español, centrados no humor absurdo e no brainrot, superan tamén os 3,5 millóns de seguidores.

As canles de YouTube de lixo feito con IA con máis subscritores

A investigación identifica igualmente canles concretas cun impacto económico notable. O máis visto a nivel mundial é o indio Bandar Apna Dost, con máis de 2.070 millóns de reproducións e uns ingresos anuais estimados en 4,25 millóns de dólares. En Corea do Sur, Three Minutes Wisdom supera os 2.020 millóns de visualizacións e podería estar a xerar arredor de 4 millóns de dólares anuais, combinando contidos de animais hiperrealistas con ligazóns comerciais afiliadas.
Estados Unidos destaca non tanto polo volume de reproducións como polo número de subscritores da súa principal canle de AI slop. Cuentos Facinantes, en castelán, alcanza os 5,95 millóns de seguidores e converteuse na canle deste tipo con máis subscritores do mundo, a pesar de ofrecer vídeos de estética rudimentaria baseados en universos populares como As Bólas Máxicas.

As canles de YouTube de lixo feito con IA con máis reproducións

A simulación dun feed limpo, correspondente a unha conta de YouTube recén creada, reforza a sensación de saturación. Dos primeiros 500 vídeos consumidos, un 21 % eran contidos xerados con IA e un 33 % clasificáronse como brainrot. Aínda que os primeiros minutos de navegación non amosan esta tipoloxía de forma inmediata, a súa presenza increméntase rapidamente a medida que avanza o consumo.
Este escenario coloca a YouTube nunha posición de difícil equilibrio. Por unha banda, o seu director executivo, Neal Mohan, defende o potencial transformador da IA xerativa, comparándoa co impacto que tivo o sintetizador na música. Por outra, a plataforma enfróntase ao risco de que os anunciantes perciban unha perda de valor ao asociar as súas marcas con contidos considerados lixo dixital.
Máis alá do impacto económico, o informe subliña as implicacións culturais e sociais do fenómeno. A normalización do AI slop e do brainrot pode favorecer efectos como a repetición acrítica de mensaxes falsas, aproveitando mecanismos psicolóxicos como o efecto de verdade ilusoria. Ademais, a sobreabundancia de información tende a converterse en ruído, incrementando a dependencia dos filtros algorítmicos e debilitando a capacidade crítica da audiencia.
O estudo conclúe que a resposta non pasa só por regular tecnoloxicamente o uso da intelixencia artificial, senón por reforzar a educación mediática. Nun ecosistema dixital cada vez máis automatizado, a formación en análise crítica dos contidos perfílase como unha ferramenta clave tanto para creadores como para consumidores, fronte a unha marea de vídeos deseñados para captar atención sen achegar valor real.
Os datos recompilados por Kapwing corresponden a outubro de 2025 e debuxan un escenario no que o AI slop xa non é un fenómeno marxinal, senón unha parte estrutural da economía e da experiencia diaria en YouTube.