Un estudo da OMS relaciona o uso do móbil co cancro

luns, 26 de outubro do 2009 Marcus Fernández

O uso do teléfono móbil podería gardar relación con varios tipos de cancro, segundo un estudo internacional supervisado pola Organización Mundial da Saúde (OMS) cuxos resultados preliminares publica hoxe o diario The Daily Telegraph.
A investigación contou cun orzamento de 20 millóns de libras (22 millóns de euros), durou unha década e divulgarase antes de fin de ano, achega probas de que as persoas que abusan do celular se arriscan a sufrir tumores cerebrais a longo prazo.
As conclusións preliminares indican que existe «un risco significativamente maior» de padecer un tumor cerebral «relacionado coa utilización de teléfonos móbiles durante un período de dez anos ou máis» segundo o estudo, chamado Interphone, que cuestionará as garantías que adoitan dar os gobernos sobre a seguridade deses aparatos sen fíos e aumentará a presión para que as autoridades sanitarias difundan consellos máis claros contundentes.
A directora da investigación, a doutora Elisabeth Cardis, profesora do Centro de Investigación en Epidemioloxía Ambiental (CREAL) de Barcelona (España), declarou que malia a «falta de resultados definitivos e á luz de varios estudos que, aínda que son limitados, suxiren un posible efecto de radiación de radiofrecuencia» xerada polos móbiles.
«Polo tanto, eu estou de acordo en xeral coa idea de restrinxir o uso (de celulares) nos nenos, aínda que non iría tan lonxe como para prohibir os teléfonos móbiles, xa que poden ser unha ferramenta moi importante (...)», sinalou Cardis, quen tamén avoga por «medios para reducir a nosa exposición» aos móbiles, como a utilización de dispositivos de mans libres e o uso moderado deses aparatos.
Interphone efectuou estudos en trece países e entrevistou 12.800 persoas (entre eles xente sa e enfermos de tumores) co fin de descubrir se a exposición aos celulares está vinculada a tres clases de tumores cerebrais e un tumor da glándula salival.
Anteriores investigacións sobre os efectos dos móbiles na saúde foron pouco concluíntes, aínda que o proxecto supervisado pola OMS indica, por exemplo, que seis de oito estudos de Interphone revelan un maior risco de padecer glioma (o tumor cerebral máis común).
Dende a Axencia de Protección da Saúde (HPA) do Reino Unido, un voceiro manifestou que, «de momento, non hai probas sólidas» sobre os efectos nocivos do uso de celulares.
Pola súa banda, un voceiro da Asociación de Operadores de Telefonía Móbil apuntou que máis do 30 por cento dos estudos científicos sobre ese asunto non acharon ningún impacto negativo para a saúde.