Un estudo revela que os internautas son máis sociables e activos que o resto da poboación

martes, 26 de xuño do 2007 Raquel Noya

Un estudo impulsado pola Universitat Oberta de Cataluya (UOC) vén de demostrar que, contrariamente ó que pensa a gran maioría da sociedade, os internautas son máis sociables, máis activos, están máis implicados na vida política e incluso teñen máis amigos que o resto da poboación non usuaria de Internet.
Segundo afirma o sociólogo Manuel Castells, director do “Proxecto Internet Cataluña” xunto coa rectora da UOC, Inma Tubella, “Internet aumenta a sociabilidade, e os seus usuarios, ademais de ser máis activos, teñen mellores relacións coas amizades e coa familia”.
A investigación, levada a cabo por máis de corenta investigadores ó longo dos últimos 6 anos, nos que se entrevistaron a 15.390 individuos presenciais e 40.400 a través da Rede, dou lugar ó maior proxecto sobre sociedade da Información feito nunca en España e non deixa lugar a dúbidas de que Internet non só non fomenta o illamento dos usuarios, algo no que insisten continuamente moitos “entendidos” senón que incrementa a sociabilidade dos seus usuarios.
O estudo tamén revela que “o emprego de Internet está asociado a un proxecto de construción de identidade que busca unha nova modernidade do país como cultura autónoma” (neste caso catalana, aínda que seguramente atribuíble tamén a outras culturas como a nosa).

PUBLICIDADE