Un invidente paga por erro 930 euros por Bizum e néganse a devolverlle os cartos

martes, 25 de outubro do 2022 Marcus Fernández

Os pagamentos dende o móbil son unha ferramenta moi práctica para calquera cidadán, pero non están libres da mala fe dos usuarios, e como boa mostra diso tempo a escandalosa nova dun invidente que por erro pagou por Bizum 930 euros nun bar de Petrer (Alicante) cando realmente quería pagar 9,30 euros.
O invidente realizara o pagamento por Bizum xa que o pagamento con tarxeta bancaria déralle erro, e ao decatarse do erro cometido, acudiu ao establecemento, onde o dono recoñeceu o acontecido e rexeitou devolver os cartos aboados accidentalmente por telos gastado para satisfacer unha débeda e ter as contas bancarias bloqueadas, instando ao prexudicado a recorre á Xustiza.
O invidente tivo que acudir á comisaría da Policía Nacional a denunciar o acontecido, remitíndose os feitos ao xulgado, celebrándose o xuízo correspondente o vindeiro 11 de novembro, onde o denunciado pretendería devolver os cartos reclamados segundo as súas declaracións á prensa.
Este tipo de incidente debería facernos reflexionar sobre os sistemas de pagamento que empregamos, xa que non todos teñen as mesmas garantías para o usuario, e no caso de Bizum é preciso acordo entre as partes para poder revocar unha operación, mentres que con tarxetas bancarias podería evitarse a apropiación indebida de cartos sen ter que recorrer a instancias xudiciais.