Un libro colaborativo persegue desbotar o concepto de nativos dixitais
xoves, 10 de novembro do 2016
Actualmente é habitual dar por sentado que as persoas que
naceron a partires de mediados dos anos 90, ao estar afeitos á presenza de
ordenadores e outros trebellos electrónicos nas súas vidas, non precisan que
ninguén lles ensine a empregalos por seren nativos
dixitais, o que resulta preocupante a nivel educativo, xa que os
proxenitores destas novas xeración carecen dos coñecementos e ferramentas para
instruír axeitadamente aos seus cativos e chegan a entender de xeito errado que
é na escola onde teñen que educar aos pequenos sobre as boas prácticas ante as
TIC, creando o que algúns chaman orfos
dixitais.
Entendendo esta situación Javier Pedreira Wicho
e Susana Lluna uníronse para
coordinar un libro titulado Los nativos
digitales no existen: Cómo educar a tus hijos para un mundo digital,
no que dan conta de como os mozos, pese saber manexar numerosas ferramentas
para relacionarse cos seus amigos e consumir contidos multimedia, carecen de
coñecementos sobre os seus dereitos e deberes na era dixital.
Deste proxecto colaborativo formaron tamén parte Borja Adsuara, Anna Blázquez, Marga Cabrera, Claudia Dans, Enrique Dans, Fernando de la Rosa, Eparquio Delgado, Rebeca Díez, Fátima G. Doval, Juan García, Jordi Martí, Nuria Oliver, Andy Stalman, Dolors Reig e Genís Roca, que reflexionan sobre a
necesidade da adquisición de competencias dixitais, principalmente por parte
dos pais, para así poder logo transmitilas no ámbito familiar e finalmente a
toda a sociedade.
A obra resultante concretouse nun volume de 200 páxinas editado por Deusto, que
sairá á venda o 24 de xaneiro de 2017, e que nas últimas horas apareceu en preventa en Amazon.es, de xeito que os
interesados en facerse co texto en edición impresa poden adquirilo por 17,05
euros (o prezo recomendado de venda é de 17,95 euros).
Como mostra do que achegará esta publicación podemos ver a charla que impartiu Wicho na pasada edición de TEDxGalicia: