Un mozo galego pon en marcha unha web-currículo para reclamar máis contratos para a xuventude

luns, 25 de xuño do 2012 Fernando Sarasketa

Pablo Pedrido, novo titulado da Universidade de Vigo, vén de pór en marcha unha web que rompe estereotipos, modelos fixos e ideas preconcibidas nun eido inmobilista coma poucos: o da creación e envío de currículos persoais. A iniciativa desenvólvese a través de rescataaunespañol.com, unha páxina dende a que se lles lanza un reto ás/aos posíbeis contratadoras/es: o de evitar, contratando a Pablo, que se vexa obrigado a buscar traballo fóra da súa terra. A web tamén serve para recordar que na situación de Pablo atópanse centos de milleiros de mozas e mozos, e de que o seu futuro depende en boa medida de todas aquelas persoas que son receptoras de currículos e con capacidade para poñelos en nómina.
A páxina, que inclúe unha conta atrás como prazo para impedirmos que Pablo se vaia, é unha campaña virtual sen outra arela de lucro que a de atopar un traballo. Así llo fai saber á Universidade de Vigo o autor da iniciativa, que vén de obter o título en Publicidade e Relacións Públicas no Campus de Pontevedra.
A xuízo de Pablo, era importante chamar a atención dos contratadores/empresarios dun xeito orixinal e innovador: é unha chamada de atención para que tamén se busque aquí o que se está a buscar fóra. “Ao longo da carreira insístennos moito en que usemos a creatividade que se nos presupón para buscar traballo. Por iso, opto por esta vía de chamar a atención como alternativa ao envío indiscriminado de currículos”, comenta Pablo Pedrido, que optou por marcar as diferenzas no canto de “esperar ofertas e entrevistas, prefiro que as empresas me coñezan e se interesen polo meu talento”, engade. E di:“Neste caso a campaña representa o propio traballo porque a páxina web non deixa de ser unha mostra das miñas capacidades no deseño, na fotografía, na creatividade …”.

PUBLICIDADE