Un youtubeiro conseguiu mercar o Galaxy S26 Ultra

luns, 23 de febreiro do 2026 Marcus Fernández

Está previsto que Samsung presente os seus novos móbiles insignia o vindeiro mércores ás 19:00 nun Galaxy Unpacked, pero poucas son xa as sorpresas que poida ter o evento, pois as principais novidades dos dispositivos xa se coñecen e incluso hai quen xa puido adquirir un dos novos smartphones.
Concretamente falamos de Sahil Karoul, un youtubeiro tecnolóxico que conseguiu mercar un Samsung Galaxy S26 Ultra en Dubai, para facer un unboxing amosando os resultados de varias probas de rendemento e o comprobando como funciona a nova función de privacidade, que ao activala impide que as miradas indiscretas poidan ver o contido da pantalla.
Karoul tamén comprobou o funcionamento das cámaras do novo smartphone, incluso de noite e tirando proveito do seu zoom (confirmando que é unha mellora moi lixeira fronte ao S25 Ultra) e confirmou que o novo móbil move sen problemas o xogo PUBG ata a 120 imaxes por segundo sen quecerse excesivamente.
Algún detalle salientable do novo móbil é que muda un chisco o deseño do módulo de cámaras e o espazo no que se insire o S Pen, así como tamén o dispositivo pasa dun marco de titanio a un marco de aluminio (no que semella unha imitación do iPhone, smartphone que tamén abandonou o titanio).

Vídeo no que Sahil Karoul fai un unboxing do S26 Ultra