Unha empresa xaponesa sorprende cun masaxeador de mans para gamers

venres, 31 de decembro do 2021 Marcus Fernández

Dende a marca xaponesa de produtos para gaming Bauhütte sorprenden presentando un curioso concepto de produto, o masaxeador de mans MSG-01H, que xa venden a través de Amazon a un prezo de 15.994 iens (122 euros), utilizando tamén a mesma plataforma para comercializar un masaxeador de pés.
Aínda que estamos afeitos a ver teclados ergonómicos ou incluso ratos verticais, ou sexa, accesorios informáticos que buscan reducir os problemas físicos provocados polos movementos repetitivos que temos que realizar coas nosas mans, desta volta o que busca o masaxeador de mans de Bauhütte non é reducir o esforzo de tendóns, músculos e articulacións, senón favorecer a circulación e axudar a relaxar os dedos fatigados, para o que hai que introducir unha man no dispositivo, para que así exerza presión mediante 15 coxíns de aire quente integrados no seu interior, co que simula unha masaxe. Tamén contan con modos de funcionamento no que exerce presión na palma da man ou tira dos dedos un a un.
A efectividade deste tipo de trebellos é algo que non temos nada clara, e de ter sabido do mesmo o pasado martes pensariamos que se trata dunha inocentada, pero o que resulta innegable é que hai mercado para produtos que coidan pola saúde das persoas que pasan moitas horas fronte ao ordenador, sexa por traballo ou por lecer, e cada vez veremos máis produtos dirixidos a atender tal demanda.

O masaxeador de mans é un dos moitos accesorios dirixidos ao público gamer que o público xeral consideraría absurdo, pero que prometen facerse cada vez máis habituais

PUBLICIDADE