Unha filtración de conversas constata o pouco tino de Grok

mércores, 27 de agosto do 2025 Redacción

Centos de milleiros de conversas mantidas polos usuarios do chatbot Grok quedaron publicadas na web e indexadas por Google, sen que a maioría fosen conscientes diso, xa que o botón de compartir xera unha ligazón para compartir conversas que, sen advertirse aos usuarios, quedaban accesibles aos buscadores como Google, Bing ou DuckDuckGo, expondo así os contidos ao mundo.
Dende Forbes constatan a aparición máis de 370.000 conversas indexadas, con contidos que van desde simples tarefas como redactar chíos ou resumos de xornais ata cuestións delicadas: instrucións para fabricar drogas como fentanilo e metanfetamina, a creación de malware, métodos de suicidio, plans de atentados e mesmo un detallado esquema para asasinar ao propio Elon Musk. Algúns usuarios chegaron a introducir datos persoais, contrasinais e documentos, que tamén quedaron á vista.
A polémica agrávase porque Musk criticara recentemente a OpenAI por un experimento semellante en ChatGPT, que se retirou rapidamente tras as queixas dos usuarios. Nese momento, Musk presumira de que Grok non tiña unha función comparable (o que fora refutado inmediatamente polos usuarios).