Unha firma chinesa esixe a Google que cambie o seu nome comercial

venres, 13 de xullo do 2007 Fernando Sarasketa

Cando tes entre mans un buscador chamado “Google” empregado por ducias millóns de persoas en todo o mundo, é doado que gran parte das notificacións que te cheguen ó traballo por correo certificado sexan de denuncias. Ou sexa, a máis sona no planeta, máis demandas por “paternidade”, e é moi probable que algunha delas (de tantas que recibes) chegue a ter o seu fundamento. Indo ó gran: non hai empresa no mundo que non teña trapos sucios aínda sen lavar no fondo dos caixóns, e sempre haberá alguén que llelos procure cando esas empresas se promoven ata na sopa. Google, seguramente, non é mellor nin peor ca outras moitas, pero semella que nos últimos tempos encaixa un gol tras outro. Mais o proceso semella non ter fin.
O último ataque do que temos constancia é dunha empresa chinesa, que vén de anunciar que demandará á filial de Google naquel país por copiar o seu nome, moi semellante ó do buscador e previamente rexistrado.
A empresa en cuestión, chamada “Guge”, sinala que o devandito parecido prexudica ó seu negocio. Ademais, engade, obrígalles ós seus traballadores a perder un tempo precioso, atendendo a centos de chamadas ó día de “pesados” que queren falar con Google e non con Guge, pudendo estar aqueles facendo cousas máis produtivas para a propia firma. “Unicamente queremos que Google cambie o seu nome comercial”, lanzouse e a dicir Tian Yuhshan, directivo da firma chinesa, segundo informa Reuters.
Segundo parece, o caso foi xa aceptado por un tribunal do distrito de Haidian en Pekin. Veremos que ocorre.
Na imaxe, un fenómeno visto en Bioxd que tamén se está a dar en todas as partes do mundo: empresas que lle copian ó nome ó buscador para vender calquera cousa.