Unha resolución xudicial deixa ao Brasil sen WhatsApp durante 48 varias horas

xoves, 17 de decembro do 2015 Marcus Fernández

Unha resolución xudicial obrigou aos principais operadores de telecomunicacións do Brasil a bloquear o uso da aplicación WhatsApp no seu territorio nacional (durante 48 horas), na mesma liña do que fixeran o pasado mes de abril e pola mesma motivación: a falta de cooperación de WhatsApp coa xustiza brasileira por unha investigación policial iniciada en 2013.
O propio Mark Zuckerberg decidiu saír á palestra asegurando que hoxe “é un día triste para o Brasil”, por considerar que a media xudicial está a afectar negativamente aos máis de 100 millóns de usuarios de WhatsApp no Brasil (aínda que lembra que Facebook Messenger continúa a estar dispoñible). Zuckerberg asegura estar abraiado polo feito de que ante os esforzos de Facebook por protexer os datos dos seus usuarios un único xuíz poida emprender unha sanción extrema que prexudica a millóns de usuarios, polo que confía que a decisión xudicial poida reverterse rapidamente.
Os usuarios, pola súa banda, están a reaccionar de dous xeitos diferentes: hai os que optan por instalar no seu móbil unha aplicación de VPN que facilite saltar o bloqueo establecido polas autoridades no Brasil (accedendo ao servizo a través doutro país) ou probar alternativas como Telegram, que está a experimentar, como en outras situacións semellantes, serios problemas de funcionamento no Brasil nas últimas horas, xa que recibiron máis dun millón de usuarios novos no Brasil no último día, o que dificulta o envío das mensaxes SMS de confirmación aos usuarios.
Cómpre salientar que no Brasil, aínda que WhatsApp é a aplicación máis popular para smartphones (na liña do que acontece en España), a aplicación de Faceboo Messenger tamén conta con grande popularidade, polo que non parece que as altas masivas en Telegram vaian ter impacto a medio prazo, e queden nunha anécdota como aconteceu en numerosas ocasións ante caídas de WhatsApp.
ACTUALIZACIÓN: Finalmente as autoridades brasileiras entraron en razón, e decidiron desbloquear o acceso a WhatsApp no Brasil, de xeito que en vez de castigar a millóns de usuarios do servizo, aplicaron a sanción directamente á empresa responsable a través dunha multa de 100.000 reais (23.711 euros) cada día que WhatsApp continúe sen entregar a información requirida polas autoridades nunha investigación dunha organización criminal (que roubaba bancos e caixeiros automáticos) que empregaba WhatsApp para o intercambio de mensaxes entre os seus integrantes.

PUBLICIDADE