
Segundo informa este Centro, a ferramenta contribúe a resolver tarefas ata o de agora especialmente arduas, como por exemplo o estudo exhaustivo de cada un dos elementos químicos e das proteínas dun fármaco, permitindo o seu estudo de xeito individual e en combinación cos demais (cada elemento amosa diferentes afinidades).
Segundo engade o CESGA, AFFINImeter salienta ante todo pola súa flexibilidade e polas posibilidades de estudo que fornece a súa solución, características que “a converten en pioneira a nivel mundial”. En palabras de Ángel Piñeiro, cofundador e director científico de S4SD, “AFFINImeter é unha plataforma computacional para a análise de medidas de afinidade, agregación e disociación molecular”. Ademais, “está deseñada especificamente para estudar sistemas complexos”. Esta tarefa, explica o investigador, precisa en primeiro lugar do desenvolvemento dun modelo, cousa que se fai en varias fases: escribir as reaccións químicas, traducilas a ecuacións, crear un código informático que as resolva e validalo antes de levar a cabo a análise; este proceso pode estenderse durante anos de traballo e en ocasións son obxecto de teses doutorais. “Connosco”, sinala, “o investigador só se ten que ocupar do primeiro paso, escribir as reaccións químicas; do resto faise cargo AFFINImeter”.
Para el, o punto forte da plataforma é que complementa as funcionalidades dos programas que os fabricantes introducen por defecto nos equipos de laboratorio. Decote estas ferramentas informáticas fornecen aos investigadores menos de 10 modelos diferentes. Pola contra, a empresa de Santiago ofrece “un número ilimitado mediante un construtor co que o investigador pode crear modelos específicos, definindo as reaccións químicas que lle interesa estudar”. O resultado de todo isto é unha solución tecnolóxica cuxa flexibilidade é única, explican os seus responsables, que engaden que os seus resultados son “plenamente fiables e non hai cabida para erros de cálculo”.
AFFINImeter conta polo de agora con tres aplicacións. AFFINImeter Simulator é un asistente para deseñar experimentos de calorimetría de titulación isotérmica (ITC, polas súas siglas en inglés). Estes experimentos botan información das interaccións moleculares a través da calor que se libera ou se absorbe no proceso. Con este programa, o investigador propón diferentes parámetros de concentración de produto ao simulador e este predí a calor que obterá para cada un. Así, redúcese o número de experimentos reais que hai que realizar e optimízase o uso do produto.
AFFINImeter Analysis estuda o experimento real. O equipo de laboratorio recolle a información que bota o experimento e o software de S4SD, empregando os recursos de cálculo do CESGA, ofrece ao investigador unha caracterización completa da interacción molecular.
AFFINImeter Spectroscopy, aínda en desenvolvemento, analizará os resultados de técnicas espectroscópicas que miden outras propiedades físicas diferentes á calor (intensidade de absorción ou emisión de luz, ou desprazamento químico, por exemplo). Este software permitirá estudar substancias que non poden ser avaliadas a través de ITC e, para substancias que responden aos dous métodos, a combinación das dúas posibilidades dará maiores garantías dos resultados.
Unha spin-off da USC desenvolve un software pioneiro para axilizar ao máximo o achado de fármacos rendibles
Compartir Este Artigo
