Unha vídeo-receita dun estudante coruñés, entre as máis votadas do XII Premio Promesas da Alta Cociña

luns, 19 de febreiro do 2024 S. P.

Le Cordon Bleu Madrid anunciou que a vídeo-receita do estudante galego Jacobo Diz Gómez, do CIFP Paseo das Pontes da Coruña, para tentar acceder á gran final nacional do XII Premio Promesas da Alta Cociña é, a falta do peche de votacións nunhas horas, unha das cinco contribucións máis valoradas polo público durante a fase de votacións. Estas votacións populares realizáronse a través do perfil de en a páxina oficial de Facebook de Le Cordon Bleu Madrid onde obtivo máis de 1.425 votos.
Os votos obtidos a través da rede social constituirán un 15% da valoración aos participantes, e sumaranse ás votacións do xurado profesional, composto por chefs profesores da Escola. O prazo de votacións estará aberto até o remate da xornada deste 19 de febreiro. Logo, o mércores 21 de febreiro, Le Cordon Bleu Madrid dará a coñecer os 10 finalistas que participarán na gran final na súa sede de Madrid en abril.
50 aspirantes de toda España
Os 50 aspirantes participantes nesta fase foron elixidos entre un total de 28 centros de ensino de 21 provincias de España e compiten por conseguir un dos dez postos na final do prestixioso certame nacional. Nas vídeo-receitas, de 5 minutos de duración máxima, os estudantes demostran as súas habilidades culinarias e creativas cun prato elaborado a partir dunha proposta común: paupiette de troita rechea con salsa holandesa con dúas guarnicións, unha delas feita obrigatoriamente a base de pataca e a outra cen por cen libre.
Os 10 finalistas deberán presentar o seu prato fronte ao xurado, que na súa última edición estivo presidido por Nacho Manzano, chef con 2 estrelas Michelin do restaurante Casa Marcial en Asturias. En edicións anteriores, o xurado estivo presidido por outras celebridades da gastronomía nacional, como Jesús Sánchez, Joan Roca, Diego Guerrero, Martín Berasategui ou Andoni Luís Aduriz.
Andalucía con 14 e a Comunidade Valenciana con 7 candidatos, son as Comunidades Autónomas con maior representación nesta edición. Tamén estarán presentes nesta fase do certame outras autonomías como: Aragón, Baleares, Castela e León, Cataluña, Galicia, Canarias, A Rioxa, Melilla, Murcia, Navarra, e Euskadi.

Vídeo-receita de Jacobo Diz

PUBLICIDADE