Unha web para localizar tendas de proximidade gaña o hackathon sobre finanzas persoais sostíbeis da UDC
venres, 31 de xaneiro do 2025
- Diego Pérez (Mallorca, 2006), Irene Rodiles (Santiago de Compostela, 2006), Gabriel Pita (Ferrol, 2000) e Clara Ventura (Fene, 2003) viaxarán no mes de abril xunto con Lydia Fernández (Ferrol, 2000)
ECORADAR, unha páxina web que lle permite á rapazada de entre 18 e 25 anos localizar aquelas tendas que ofrecen produtos de proximidade nas cidades da Coruña e de Ferrol impúxose finalmente no hackathon sobre finanzas persoais sostíbeis que acolleu esta semana (dende o martes até o xoves), a Facultade de Humanidades e Documentación do Campus Industrial de Ferrol no marco do Proxecto Europeo Erasmus+ ImpactFinance.
Detrás desta iniciativa que pretende fomentar o consumo responsábel entre os máis novos e, en particular, entre o alumnado da Universidade da Coruña (UDC) están Diego Pérez, Irene Rodiles e Lydia Fernández, estudantes do grao en Relacións Internacionais, así como Gabriel Pita e Clara Ventura, do grao en Relacións Laborais e Recursos Humanos. No mes de abril, este grupo de mozos e mozas viaxará ata a cidade grega de Tesalónica para presentar a súa proposta de material educativo xunto con outros estudantes de Chipre, Grecia e de Lituania.
A páxina web proposta polo alumnado do Campus Industrial de Ferrol quere converterse nunha plataforma educativa que sirva para concienciar á comunidade universitaria sobre a alimentación saudábel e respectuosa co medio ambiente. A sección de receitas elaboradas polo propio alumnado da Universidade da Coruña (UDC) e as enquisas, por exemplo, sobre o consumo de produtos de tempada que propuxeron ante o xurado, integrado por profesorado da Facultade de Economía e Empresa e da de Humanidades e Documentación, poderían ser usadas tamén como recursos educativos para este fin.
A xestión dos residuos urbanos, a alimentación sostíbel, o consumismo ou a capacidade de aforro da mocidade foron algúns dos temas nos que afondaron os máis de 40 alumnos e alumnas inscritos neste hackathon. O Campus da Coruña estivo representado por estudantes dos graos en Administración e Dirección de Empresas e de Economía, así como polo alumnado do mestrado en Banca e Finanzas. Pola súa banda, o Campus Industrial de Ferrol contou coa presencia dun grupo de mozos e mozas que cursan os graos en Relacións Laborais e Recursos Humanos, en Xestión Industrial da Moda e en Relacións Internacionais.
Para acadar o seu obxectivo, as e os participantes contaron tamén co apoio dun grupo de persoas expertas entre as que figuran a consultora Maika R. Freire; a xornalista Eva Mazás; a experta en empredemento María Teresa Deus; o profesor do IES Salvador de Madariaga da Coruña Rodrígo García-Muñoz; o profesor do Colexio Tirso de Molina de Ferrol, José Juan Álvarez; a pedagoga Maite García; a emprendedora Lucía Mato, o socio de Seniors Españoles para la Cooperación Técnica (SECOT), Sergio Martínez; o enxeñeiro naval Vicente Irisarri e os profesores da Universidade da Coruña (UDC), Javier Orosa, Jorge Pérez e Félix Puime.