Unisys, empresa global de solucións tecnolóxicas, recibe o Premio 17º Aniversario CPEIG
martes, 13 de maio do 2025
Dende o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) anuncian o Premio 17 Aniversario CPEIG da XVII Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia de 2025 á empresa tecnolóxica Unisys polo seu mecenado como patrocinador da Noite garantindo así a súa celebración durante estes dezasete anos e contribuíndo ao recoñecemento do talento e a excelencia no eido tecnolóxico galego. Segundo Unisys este evento do CPEIG representa unha oportunidade única para poñer en valor o traballo das profesionais TIC, e para fomentar o diálogo entre empresa público-privada, universidade e sociedade.
Detrás de Unisys atopamos a unha empresa global de solucións tecnolóxicas que leva máis de 150 anos transformando os negocios e mellorando a vida das persoas a través da tecnoloxía. Con presenza en máis de 40 países e un equipo heteroxéneo de expertos en enxeñería, ciberseguridade, servizos na nube, Intelixencia Artificial e solucións de misión crítica, Unisys mantén un compromiso constante coa excelencia, a sostibilidade e a innovación.
Engadir que Unisys está presente en España, e especialmente en Galicia, e conta cunha sólida presenza a través do seu centro de operacións en Santiago de Compostela. Desde aí, traballan con talento local para desenvolver solucións tecnolóxicas avanzadas para os seus clientes, non só a nivel local senón nacional e internacional. O seu equipo galego está composto por enxeñeiros, técnicos de sistemas e redes, analistas e expertos en ciberseguridade que contribúen con proxectos clave en sectores como a administración pública, o transporte e as telecomunicacións.
Ana Rubio, directora xeral de Unisys en España, recollerá o galardón na XVII Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia, que se celebrará o 27 de xuño no Hotel OCA Puerta del Camino de Santiago. O evento é un punto de encontro entre as colexiadas e colexiados do CPEIG e un gran número de empresas e profesionais TIC de Galicia.
Para rematar Ana Rubio afirmou que “Recibir este recoñecemento énchenos de orgullo e reforza o noso compromiso con Galicia, unha comunidade que destaca polo seu capital humano, os seus centros de investigación e a súa vocación pola transformación dixital. En Unisys, cremos firmemente que o futuro tecnolóxico pasa por unha estreita colaboración entre empresas e territorios, apostando polo talento local e contribuíndo ao desenvolvemento económico e social desde unha perspectiva global”.
