Valentín García debulla en Cataluña os proxectos tecnolóxicos da Xunta para impulsar o galego

venres, 15 de novembro do 2024 S. P.

O secretario xeral da Lingua, Valentín García, vén de participar en Cataluña nunha xuntanza cos responsábeis de Política Lingüística das Comunidades Autónomas que contan cun idioma cooficial. Na reunión de traballo compartiron as diferentes medidas que están a desenvolver nos seus territorios, e na que tamén se planificaron actuacións conxuntas de fomento e impulso do multilingüismo. Un dos temas a tratar por Valentín García foi o Proxecto Nós, destinado a afianzar o galego no contexto da Intelixencia Artificial e a permitir que algunhas das ferramentas de meirande proxección falen e entendan o galego.
Na reunión de seguimento do Protocolo de colaboración en materia de Política Lingüística analizouse de maneira conxunta o último informe da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias, publicado polo comité de expertos do Consello de Europa o pasado mes de setembro. Neste senso, tanto o representante da Xunta de Galicia como os das outras Comunidades, incidiron no encontro “no recoñecemento que se fai neste informe ao alto índice de protección que as linguas cooficiais teñen en España, por riba do habitual noutros países europeos”.
Neste senso, dixo que “o Goberno galego ten moi en conta as recomendacións da Carta Europea, que utiliza como referencia no proceso que está a levar a cabo cos distintos grupos parlamentarios e institucións para acadar un consenso que permita incentivar o uso da lingua na sociedade”.
Deste xeito, expuxo aos seu interlocutores as liñas de base do Pacto pola Lingua no que se está a traballar en Galicia e sobre as que se irán artellando novas accións a medida que avancen as conversas: a renovación do Plan xeral de normalización da lingua galega coa creación de comisións de traballo formadas por persoas de recoñecido prestixio; a posta en marcha dun plan de 50 medidas para impulsar o uso do galego en diversos eidos; o incremento dun 30% da partida destinada a accións de dinamización da lingua nos orzamentos de 2025, e situar a CRTVG como catalizadora da lingua, favorecendo produtos en galego.
Durante o encontro tamén se puxo en común a preocupación polos fondos europeos comprometidos polo Estado e “aínda pendentes de transferencia ás comunidades no marco do PERTE de nova economía da lingua”, un programa de financiamento “esencial para desenvolver algunhas das iniciativas máis ambiciosas da Administración galega de cara a intensificar a presenza da lingua en distintos ámbitos e espazos”. Así, entre esas accións destaca o devandito Proxecto Nós, de grande importancia para asegurar que o galego sexa tamén unha lingua habitual no eido dixital, e “que depende en boa maneira”, apuntou o responsábel autonómico de Lingua, “destas axudas para que se siga a desenvolver da maneira adecuada e se chegue a completar”.
Accións a prol da lingua galega
Ademais dos avances no Proxecto Nós, incluído no plan de medidas da Xunta para incentivar o galego, García expuxo que “o eido dixital ten gran protagonismo nas iniciativas, de maneira que se pretende que a lingua estea presente en todas as plataformas tecnolóxicas e sexa un medio para chegar a grupos de poboación concretos como a mocidade, coa creación de contidos específicos creados para público infantil e xuvenil”.
Explicou tamén que as liñas de actuación tamén se dirixen especialmente aos non nados en Galicia e ao fenómeno do neofalantismo, así salientou a posta en marcha o ano que vén de máis de 100 cursos de cultura e lingua galegas para persoas chegadas do exterior, ademais de grupos de voluntariado lingüístico para organizar conversas e propostas de traballo colaborativo coas asociacións de distintas comunidades asentadas en Galicia. Destacou asemade outros cursos centrados en distintos ámbitos profesionais como o sanitario e propostas como actividades para incentivar a lingua na escola.
En canto ao neofalantismo, sinalou que “estanse a mellorar as ferramentas para esas persoas que deciden falar galego cando a súa lingua nai foi outra”. Neste senso, enxalzou a actividade do portal neofalantes.gal, que “comezou a funcionar, máis alá de como punto informativo, como unha rede social para dar testemuños e compartir experiencias sobre o proceso”. A isto, dixo, “súmaselle tamén unha campaña de concienciación e sensibilización sobre o uso do galego que xa está a funcionar baixo o lema Saca a lingua que levas dentro”.