Velneo permite ás empresas desenvolver proxectos tecnolóxicos en cuestión de días
luns, 7 de febreiro do 2022
Velneo,
empresa galega especializada en desenvolver solucións low code
(metodoloxía de programación que permite crear aplicacións de
xeito máis rápido e automatizado), vén de anunciar a nova versión
da súa plataforma de desenvolvemento específica para empresas que
empreguen o castelán como lingua base.
A
actualización da ferramenta Velneo permite ás pemes desenvolver MVP
(polas súas siglas en inglés, produto viable mínimo) de xeito
eficaz en breves prazos de tempo. Con esta novidade, a empresa con
sede no Porriño convértese en referente da programación low
code achegando un ámbito de traballo onde todo está dispoñible
en castelán: soporte, documentación, cursos, formación continua,
etc.
Como
afirma Mario Conde
Fornós, director da empresa, “ata hai pouco en programación
de software o inglés era a única linguaxe que se empregaba, pero
Velneo vén cambiar as regras de xogo e usa só o español para
facilitar as cousas a todos os desenvolvedores de software de xestión
de fala hispana”. Neste sentido, Conde remarca que o español é a
segunda lingua máis usada no mundo e cun potencial de 500 millóns
de persoas.
Amais
da nova versión de Velneo, para facilitar aínda máis o labor de
desenvolvemento, a firma galega puxo a disposición dos usuarios “un
completo ecosistema de código aberto cun amplo abano de
funcionalidades como facturación electrónica e un completo ERP
completamente personalizable cos módulos típicos necesarios:
compras, almacén, vendas, contabilidade e TPV”.
No
aspecto técnico, a firma do Porriño pon en valor a súa base de
datos “fiable, estable e moi segura”. Ademais, a ferramenta
permite desenvolver programas “cen por cen na nube” e “cen por
cen on-premise”. Isto implica que programando unha única
vez o usuario pode despregar na nube ou en local, segundo a súa
preferencia.
Uno
dos aspectos clave nos que incidiu a empresa foi no factor
proximidade. Para logralo puxo a disposición dos usuarios sistemas
de comunicación directo a través de teléfono e chat
para resolver as cuestións pertinentes; “unha característica que
para nada é habitual entre as empresas de desenvolvemento as cales
adoitan optar por outras formas de comunicación máis frías e sen
garantir o éxito na resolución de dúbidas, como acceder a un
repositorio de posibles incidencias”, explican fontes de Velneo.
