ViaGalicia abre quinta convocatoria

mércores, 26 de xullo do 2017 Fernando Sarasketa

Imos ter quinta convocatoria de ViaGalicia. Isto que significa? Pois basicamente que quen teña en mente unha desas iniciativas que poden marcar un antes e un despois na liña de evolución tecnolóxica e empresarial, vai ter unha importante oportunidade para darlle forma. En primeiro lugar, polo factor “cuantitativo”. De feito, ao longo das catro convocatorias anteriores, xa foron impulsados 120 proxectos, creándose medio centenar de empresas na nosa terra, unha parte moi significativa delas relacionadas directamente coas novas ferramenta dixitais. E logo está o factor “cualitativo”, onde figura o investimento despregado (seis millóns de euros até o de agora) e unha equipa de asesores e adestradores que forman aos novos empresarios e desenvolvedores a tempo completo.
Como lembraremos, ViaGalicia vén da man do Consorcio da Zona Franca de Vigo e máis da Xunta de Galicia. O seu obxectivo, unha vez máis, é apostar por proxectos innovadores, acelerábeis e invertíbeis. O prazo para presentar abre mañá e fica aberto até o 29 de setembro. Toda a información está dispoñíbel en www.viagalicia.gal.
Cun orzamento de 2,65 millóns de euros, a nova edición apoiará proxectos de negocio a través de formación, asesoramento, titorías, traballo colaborativo e financiamento. En termos concretos de pulo económico, os proxectos poderán obter até 125.000 euros en axudas directas e de capital risco. Ademais, e como novidade da quinta edición, impulsaranse dous proxectos de edicións anteriores, que participarán directamente na nova fase de aceleración.
Desde a súa posta en marcha en 2013, este programa de aceleración, ao que se presentaron case 900 propostas de negocio, contou cuns 6 millóns de euros de investimento e impulsáronse máis de 120 proxectos, dos que máis de 50 convertéronse en empresas, xerando máis dun centenar de novos empregos.
Volvendo á nova convocatoria, sinalar que trala fase inicial de inscricións, levarase a cabo unha primeira selección de oitenta proxectos que participarán no Startup Day, xornada na que se avaliarán as habilidades dos emprendedores e do que sairán seleccionados corenta. Estes recibirán seis semanas de pre-aceleración nas sedes de ViaGalicia (situadas en Vigo e Lugo) durante a fase de academia, na que se lles achegarán as ferramentas precisas para adquirir competencias que lles axuden a definir o seu modelo de negocio e mellorar as súas propostas de valor.
Na seguinte fase, Demo Day, deberán defender a súa proposta fronte ao comité técnico, formado por expertos de ViaGalicia e por representantes das entidades colaboradoras. Este comité seleccionará o quince mellores proxectos que pasarán á fase de aceleración, que se desenvolverá durante medio ano no Centro de Negocios do Parque Empresarial Porto do Molle (Nigrán), co apoio dun experto equipo de titores e mentores.
Na última fase, Investors Day, os emprendedores defenderán o seu proxecto fronte a empresas, colaboradores e fondos de investimento para captar novos socios.

PUBLICIDADE