Vicepresidencia encarga un videoxogo para loitar contra os estereotipos

martes, 5 de agosto do 2008 Raquel Noya

En agosto do pasado 2007 o departamento que dirixe Anxo Quintana sacou a concurso un proxecto para desenvolver un videoxogo co que promover a igualdade e a corresponsabilidade entre a poboación infantil, máis a iniciativa non tivo éxito e o posto ficou vacante. Vicepresidencia tivo entón que agardar un ano para dar cunha empresa á medida das súas esixencias. Segundo informa o Diario Oficial de Galicia (DOG) do pasado venres 1 de agosto, a compañía adxudicataria desta nova convocatoria (anunciada no pasado mes de abril) resultou finalmente a coruñesa MIP Configuraciones Informáticas S.L., que contará para desenvolver a aplicación encargada polo organismo da Xunta, cun presuposto de máis de 152.000 euros.
O devandito videoxogo irá dirixido a nenas e nenos de entre seis e dez anos e o obxectivo do mesmo será promover a igualdade entre os menores e loitar contra os estereotipos creados ao longo de moitos anos de historia nunha sociedade sexista onde as haxa.
MIP Configuraciones Informáticas S.L. deberá entregar un total de 15.000 copias do videoxogo en CD-ROM antes do vindeiro mes de febreiro e aínda que non se sabe cal será a estratexia seguida pola empresa da Coruña para loitar a prol da igualdade de sexos, xa é seguro que terá unha navegación doada e será visualmente atractivo, dúas esixencias fundamentais postas como condición por Vicepresidencia.
Sexa cal sexa o camiño que escolla a empresa galega para acadar o seu obxectivo final, en Código Cero só agardamos que non se guíen polas ideas achegadas polo xornalista da nova publicada na web de Lavozdegalicia.es que describe como heroína ideal a unha “xentil doncella que é quen de conducir autobuses, dirixir empresas ou abrirlle a porta a un cabaleiro que lle acaba de fregar os cacharros”. Sobran as palabras.

PUBLICIDADE