Vicepresidencia pon en marcha unha web para achegar o voluntariado ás mulleres maltratadas

luns, 2 de xuño do 2008 Fernando Sarasketa

Vicepresidencia vén de abrir unha páxina para mellorar a calidade de vida das mulleres vítimas de violencia de xénero: www.rodela.eu. A idea é empregar a Rede como elemento común de comunicación entre as mulleres e o voluntariado En realidade, trátase dun proxecto máis amplo (non só referente ao dixital), pero é a través do dixital como se centralizará e xestionará este programa, chamado Rodela. A iniciativa, entre outras cousas, supón a posta en marcha dun equipo de persoas voluntarias que ofrecerán o seu apoio (presencial) ás vítimas de maltratos.
O proxecto Rodela, que porá 60 persoas a disposición destes colectivos, foi presentado este luns pola directora do Servizo Galego de Igualdade, Ana Luísa Bouza, quen cualificou a proposta como cen por cen pioneira en Europa, sobre todo no que atinxe ao aproveitamento de recursos humanos (masa crítica galega situada en contra da violencia) e tecnolóxicos para un ben social.
Solicitudes a partir de xa e a través do portal
Como dixemos, a iniciativa apoiarase en boa medida nunha páxina web para botar a camiñar, desenvolverse e afianzarse. De feito, unha boa parte da comunicación e da xestión levarase a cabo no portal en liña. Como por exemplo as solicitudes de acompañamento, que, por certo, xa se poden facer a partir de hoxe na páxina web. Amais disto, o sitio tamén se encamiña a favorecer o seguimento do proceso, “de xeito que se garanta a prestación dun servizo de calidade”, informa Vicepresidencia. O portal conta cunha parte de acceso público, “onde calquera persoa pode consultar as actividades relacionadas coa violencia de xénero e acceder a ligazóns a protocolos e documentos que teñen que ver con esta temática e cunha parte non pública, como o foro deseñado para que o grupo de voluntarios intercambien as súas experiencias”.

PUBLICIDADE