Víctor Salgado: “Bluesky pode ser flor dun día ou comprometerse de verdade coa transparencia de contidos”

venres, 13 de decembro do 2024 S. P.

Víctor Salgado, experto de dereito dixital do bufete coruñés Pintos & Salgado, vén de compartir un estudo de seu no que avalía a fondo os futuros posíbeis que se abren ante o fenómeno da rede social Bluesky, que no mellor dos escenarios pode converterse nunha “oportunidade de ouro” para substituír a X (antes Twitter), pero para iso debe establecerse como un “foro dialogante e de calidade”, apunta.
Para poñernos en situación, Salgado lémbranos que a día de hoxe trátase dunha rede con máis de 24 millóns de usuarios en todo o mundo e en constante crecemento pola migración masiva de X (antes Twitter). Con estes vimbios, Bluesky protagoniza unha das últimas polémicas en materia de Dereito Dixital: a Comisión Europea acúsalle de vulnerar a Lei de Servizos Dixitais (DSA, na súa nomenclatura inglesa) e a súa normativa de transparencia de datos. E esa vulneración é a que analiza Víctor Salgado, do bufete coruñés de Pintos Salgado: “Con independencia do seu volume, como mínimo BlueSky debe ter unha web onde se informe do seu número de usuarios e a súa sede dentro da UE; é o requisito indispensábel para a Comisión Europea, porque así pode decidir que normativa se lle aplica dentro da Lei de Servizos Dixitais”.
Salgado explica que este primeiro paso a nivel de transparencia cara á UE resulta “clave”, pero tamén en si o propio contexto do ecosistema das redes sociais. Para o experto en dereito dixital, “Bluesky está ante unha oportunidade única: a de posicionarse como unha rede social que recupere o espírito de diálogo, unha rede de coñecemento e debate. Pero para iso debe haber transparencia total nas súas decisións e na difusión dos datos que manexa”.
Baixo a perspectiva de Víctor Salgado, a plataforma fundada por Jack Dorsey, creador de Twitter nos seus inicios, conta con algunhas características interesantes, que van desde a maior moderación de contidos á súa política de identificación de usuarios, un sistema máis “refinado e efectivo” que X, pero a dúbida é se “cando vaia medrando en volume, aproximándose a cifras semellantes ás das grandes redes sociais, terá a capacidade de manter estes estándares”. É dicir, se poderá seguir facendo xustiza ao seu lema fundacional: Social media as it should be.
“A última migración dixital cara a Bluesky prodúcese en realidade por unha falta de compromiso nas políticas de moderación ou censura de certos comportamentos tóxicos dentro de X. É incontestábel que as redes sociais teñen unha responsabilidade enorme á hora de permitir contidos concretos, xestionalos e moderalos. Bluesky tería que apostar por un deseño que dificulte a proliferación dos discursos de odio, e mantelo ao longo da súa existencia”, expón Víctor Salgado.
Preguntado ante os posíbeis éxitos que hai detrás de Bluesky, Salgado destaca un motivo que vai máis aló do rexeitamento ás políticas de xestión de Elon Musk, dono de XX: “Os usuarios queremos ter un maior control sobre os contidos que consumimos. Cada vez contamos con menor interactividade respecto ao que se nos pon en pantalla, empachámonos cun consumo pasivo, e parece que valoramos recuperar o vello romanticismo de elixir a quen seguir, que perfís nos interesan, que tipo de opinións desexamos recibir…”.
Para o experto, ese apoderamento, ata a data, tamén existe en Bluesky coa súa política de servidores, hibridando entre a estética e interface de X e a xestión de contidos de Mastodon, a outra plataforma que acolle parte dos usuarios en cada migración dixital.
Como peche da súa análise, Víctor Salgado pon enriba da mesa unha proposta técnica ante a evolución das redes sociais: “Vendo a utilidade pública e a función social de plataformas como X ou Bluesky, se cadra debéramos empezar a expornos unha rede social de titularidade pública, un proxecto da UE que vivise fose de servilismos e lucros, en libre concorrencia co resto de plataformas. De igual maneira que podemos optar por televisións públicas ou privadas, quizais é agora o momento onde este debate cobra máis relevancia que nunca”.