Vieiros: nova feitura a prol da participación e o debate
xoves, 8 de marzo do 2007
Os responsables de Vieiros son estes días coma ferramentas de software libre: podes esculcar en directo o abrollar dunha nova feitura deste xornal en liña en galego, a incorporación de novas funcións (navegación interna, posibilidade de formar parte da comunidade Vieiros) e a solución progresiva dos inevitables problemas. En definitiva: a fonte está aberta, e son moitas mans as que están a traballar no novo proxecto (mesmo hai fotos do proceso), incluídos os lectores, moitos dos cales ocupan o seu espazo xa arredor do perímetro da “obra”, coidando que todo vaia ben. O novo Vieiros aínda está en Beta, pero o xornal xa advirte que no caso de que haxa algún problema, amañarase tan axiña como se poda. Unha das chaves do novo proxecto é a participación. Co fin de afondar nela, Vieiros permítelles ós lectores formar parte dunha comunidade, pasando antes pola zona de rexistro co fin de deixar un correo electrónico de contacto. Logo da inscrición, o lector terá acceso a tódalas áreas de traballo do xornal web galego, “tanto nas operativas como nas que se irán introducindo en pouco tempo”. E outro detalle de importancia: poderemos ir paseniño personalizando o noso espazo rexistrado.
Mais a posibilidade de participar non fica aí. De feito, a partir de agora tódalas novas poderán ser comentadas polos lectores, ós que tamén se lles permitirá envialas a outros internautas ou penduradas en puntos de encontro recomendados (Chuza!, por exemplo).
Asemade, Vieiros abriu un novo sistema libre de conversa (chat) e de debate, unha nova feitura dos foros e un espazo chamado “Vieiros Aberto”, que é o lugar onde os lectores que estean inscritos poderán deixar a súa propia información sobre calquera actividade de interese: suceso, reflexión, aviso, etc.
Tamén hai agora máis marxe para actuar no blogomillo. Así, unha das novidades en Vieiros é o destaque do panorama galego de blogs, que terán meirande presenza e ata haberá un apartado vinculado a cada nova do día que recolla as opinións dos blogueiros. Asemade, o propio xornal Vieiros prepara xa o seu blog de redacción.
