Vigo acolle a finais de febreiro a xuntanza HackSB sobre tecnoloxías abertas e mar
mércores, 20 de xaneiro do 2016
Entre os días 27 e 28
febreiro vaise celebrar en Vigo un evento á medida dos seareiros das
tecnoloxías abertas con interese en buscarlles aplicación no ámbito
do mar. A xuntanza HackSB
(Hackaton Sanjurjo Badía), que tamén se presenta como axeitada para
os profesionais e investigadores do mar con interese nas tecnoloxías
open source e cooperativas, celebrarase no Auditorio Palacio
de Congresos Mar de Vigo da man dos desenvolvedores Jesús Sayar e
Eloy Coto. Segundo nos contan, o espírito do evento é aberto e afín
á diversidade. De feito, trátase dunha “competición onde persoas
de moi diferentes perfís, profesionais e estudantes, reuniranse en
equipos para crear proxectos de Internet das Cousas, IoT, ligados ao
ámbito marítimo”. Ou sexa, que o reto será dar forma de maneira
conxunta a prototipos innovadores que favorezan cousas como a pesca,
a navegación ou a investigación. Os gañadores recibirán
“fantásticos premios”.
A maiores do
certame-reto propiamente dito e segundo nos contan os organizadores,
durante a competición celebráranse de forma paralela varios
workshops que empezarán “dende un nivel básico e irán
aumentando de nivel a medida que avance a fin de semana”, o cal
supón, nas súas palabras, “unha estupenda oportunidade” para
aqueles que estean interesados en ampliar os seus coñecementos sobre
tecnoloxías abertas, hardware e software, e as súas aplicacións no
noso litoral. Por certo que o evento é completamente gratuíto e
inclúe almorzo, comidas e ceas. A intención dos impulsores é
chegar a xuntar cen persoas (o límite do aforo).
As columnas vertebrais
das xornadas son a Internet das Cousas (polas súas siglas en inglés
IoT, un ámbito de experimentación cun “enorme potencial” para
facer innovación relacionada co mar) o espírito de aprendizaxe e
competición en comunidade (HackSB concíbese como unha competición
para construír os “máis excitantes proxectos tecnolóxicos”,
onde poderemos aprender asistindo aos workshops do programa ou
amosar as nosas habilidades concorrendo co resto dos participantes”).
“Este hackathon”,
explican Sayar e Coto, “nace como un intento de revolucionar aos
desenvolvedores e movelos a facer instrumentos para os barcos
construídos en Galicia, para innovar nas metodoloxías de pesca ou
para contribuír á sustentabilidade dos nosos bancos de peixes”.
De feito, din, son moitas as innovacións que leva un barco, e “son
moitas as oportunidades de que Galicia volva ser un referente neste
ámbito”.
