Vigo acolle este mércores un congreso internacional sobre privacidade e protección de datos na Rede

martes, 10 de xullo do 2012 Raquel Noya

O evento celebrarase no Club Financeiro de Vigo

Do vindeiro 11 ao 13 de xullo vaise celebrar en Vigo o congreso de carácter internacional Privacy Enhancing Technologies Symposium (PETS), no que estarán presentes representantes das organizacións máis prestixiosas do panorama actual no tocante á privacidade de datos na Rede, chegados de Estados Unidos, Canadá, Israel, Bélxica, Reino Unido, ou Alemaña, entre outros países.
O acto, no que tamén participan Gradiant e a Universidade de Vigo (ademais de ser os patrocinadores do mesmo), contará co apoio do xigante tecnolóxico Microsoft, e reunirá a expertos en anonimato e privacidade en sistemas electrónicos de todo o mundo. A intención da xuntanza é favorecer a divulgación de avances científicos e novas tecnoloxías que permitan o deseño de ferramentas e aplicacións electrónicas que non entren en conflito co dereito á intimidade dos usuarios.
Deste xeito, Gradiant proporá, da man do seu director Fernando Pérez, xunto coa doutora enxeñeira de Telecomunicacións da Universidade Católica de Lovaina, Carmela Troncoso, un ataque “máis efectivo que os existentes” contra sistemas de comunicacións anónimas de alta latencia, é dicir, aquelas comunicacións que non se producen de xeito inmediato senón que pasa un tempo dende que se envía a mensaxe ata que se recibe, como pode ser, por exemplo, un correo electrónico.
O obxectivo deste “ataque” é, segundo afirman, “poñer de manifesto as debilidades actuais dos sistemas para anonimizar o correo electrónico en cuestións de privacidade”, e xa que logo, “poder así desenvolver os mecanismos que garantan o anonimato nas comunicación naqueles casos nos que se desexa”, engaden.
Gradiant demostraralle ás persoas asistentes que na actualidade é posible vulnerar os mecanismos que permiten o anonimato a través do correo electrónico, e mostrará as vías para deseñar sistemas de anonimato e protección de datos máis efectivos.
Ao simposio, que terá lugar no Club Financeiro de Vigo, asistirán convidados provenientes do mundo académico, pero tamén investigadores do sector tecnolóxico da man de Microsoft, Google, Siemens, Symantec ou SAP, entre outras firmas, así como persoal de Axencias de Protección de Datos e outros organismos de goberno de Europa e Norteamérica.

PUBLICIDADE