Vitae Consultores organiza en xuño a 2ª edición do seu curso sobre a avaliación do desempeño

martes, 13 de maio do 2025 S. P.

Vitae Consultores vai organizar en xuño a segunda edición do curso A Avaliación do Desempeño: Deseño e Aplicación. A actividade, de 12 horas de duración, levarase a cabo os días 10, 11, 17 e 18 de xuño. Segundo adianta Vitae, avaliación do desempeño é o proceso destinado a determinar e comunicar aos empregados a forma en que están a desenvolver o seu traballo, e trátase dun proceso clave “na xestión de recursos humanos e nas relacións humanas dentro da organización”.
Ademais de favorecer a comunicación entre avaliador e avaliado, engaden dende Vitae, “poden permitir descubrir lagoas de información sobre os empregados, orientan a formación, melloran o desempeño e facilitan a integración no grupo de traballo, reforzan o rol de líderes e supervisores, ao mesmo tempo que poñen en marcha mecanismos de automotivación”.
A consultora tecnolóxica galega engade que o desempeño laboral inclúe gran cantidade de condutas, accións e actividades fundamentais para as organizacións que “van máis aló da execución das tarefas e funcións dun posto de traballo”. Por iso, engade Vitae, “cando falamos de desempeño, referímonos a catro dimensións do mesmo: desempeño de tarefa, contextual, organizativa e creativo-innovadora, sendo, especialmente as dúas primeiras fundamentais no desenvolvemento e aplicación dos sistemas de avaliación do desempeño nas organizacións”.
Obxectivos
-Comprender o concepto de desempeño e as súas dimensións.
-Coñecer a relevancia da avaliación do desempeño nas organizacións.
-Coñecer a importancia da comunicación no momento de implantar un sistema de avaliación do desempeño.
-Coñecer os diferentes sistemas e métodos de avaliación do desempeño.
-Aprender a deseñar un sistema de avaliación do desempeño.
-Saber aplicar un sistema de avaliación do desempeño: a avaliación.
-Aprender a levar a cabo unha entrevista de desempeño e proporcionar feedback.
A persoa encargada de impartir os contidos será Silvia Moscoso, doutora en Psicoloxía pola Universidade de Santiago de Compostela e catedrática de Psicoloxía do Traballo na Universidade de Santiago de Compostela. O seu ámbito de investigación é a Psicoloxía do Traballo e as Organizacións. Foi decana da Facultade de Relacións laborais desde o ano 2012 ata o 2023. Ten catro sexenios de investigación e un de transferencia do coñecemento. Publicou máis de cincuenta artigos en revistas de prestixio como o Journal of Personality and Social Psychology, Journal of Applied Psychology, Personnel Psychology, International Journal vos Selection and Assessment, European Journal of Work and Organizational Psychology ou o European Journal of Personality. Coautora de libros e capítulos de libros publicados en editoriais como Prentice-Hall, Edition dea Organization París, Routlege, Springer, Wiley-Blackwell, Psychology Press, Pirámide, Sainz e Torres.
Actualmente é editora asociada do Journal of Work and Organizational Psychology e membro do Editorial Board do Journal of Occupational and Organizational Psychology e do International Journal of Selection and Assessment. Membro da American Psychological Association, a Society of Industrial and Organizational Psychology e da European Associaton of Work and Organizational Psychology. É revisora ad hoc de revistas como a European Journal of Work and Organizational Psychology, Personality and Individual Differences e da Spanish Journal of Psychology.