Vitae abre o mes de xuño cunha nova edición do seu curso sobre resolución de conflitos
martes, 29 de abril do 2025
A consultora tecnolóxica Vitae, referente galego da formación tecnolóxica para desenvolvedores, vai organizar na recta final desta primavera a nova edición (a sexta) dun curso que axuda aos participantes a asegurar o mellor ambiente de traballo posíbel en cadansúa empresa. Trátase do Curso Resolución de Conflitos, que se desenvolve a través do formato de aula virtual os días 2, 3 e 5 de xuño.
Ao longo de nove horas de formación, mostraranse exemplos concretos de problemáticas laborais e amosaranse xeitos de evitalas e resolvelas, ao tempo que se resolverán boa parte das preguntas que nos asaltan ao tratar a cuestión dos conflitos laborais.
“Este seminario”, sinala a consultora galega, “pretende facer un percorrido sobre os elementos máis importantes do conflito, sendo o seu obxectivo principal axudar aos participantes a entender e xestionar mellor os desencontros persoais ou profesionais que deban abordar no seu día a día”.
O seminario, de nove horas de duración, baséase nos conceptos de Formación Activa e Student Centred Learning. “Ambas estratexias pedagóxicas”, engade Vitae, “requiren da participación activa do estudante como método de aprendizaxe baixo as instrucións do formador, cuxo rol é o de dinamizador, impulsor de criterio e de significado e significantes”. Noutras palabras, “o grao de aprendizaxe do alumno dependerá da súa implicación persoal activa no proceso”.
Os obxectivos concretos do curso son os seguintes:
– Dotarnos dun rol de liderado e proactivo na resolución de conflitos.
– Mellorarmos a eficiencia e a eficacia persoal e organizativa e xestionar mellor os desencontros entre membros do noso equipo.
A persoa encargada de impartir o curso será Javier Rovira, licenciado en Dereito e Administración de Empresas polo ICADE, mestrado en Dirección Xeral polo IESE e Doutorado en Economía de Empresa (DEA pola Universidade Rei Xoán Carlos). Foi profesor da ESIC Business & Marketing School e é socio director de Know How NP, consultora especializada en estratexia de innovación e desenvolvemento organizativo, tendo unha dilatada experiencia en diferentes sectores. Foi director xeral de González Byass, director xeral de Neck & Neck, conselleiro delegado de Sabelma, director de Laboratorios Babé e director de Marketing e Desenvolvemento Estratéxico de Bebidas Pepsico. Coo consultor e formador traballou con empresas como Microsoft, Terra, Monsanto, Prisa, Axencia Tributaria, Telefónica, RENFE, Dell España, Lucent, El Corte Inglés ou Porche-Saab España, entre outras moitas. Ten no seu haber unhas 10.000 horas de consultoría e unha bagaxe formativa de máis de 5.000 profesionais e directivos.