Vitae ábrenos a porta da calidade no desenvolvemento cun novo curso sobre Angular 5

martes, 17 de outubro do 2017 Redacción

Vitae Consultores, no seu camiño de poñernos ao tanto das tecnoloxías de meirande potencial para o noso día a día, ten no seu programa formativo deste outono unha actividade encamiñada a abrirnos novos horizontes de desenvolvemento informático. Trátase da quinta edición do Curso Angular 5 con TypeScript e Observables, un obradoiro de 20 horas previsto para os días 17, 18, 24 e 25 de novembro, na Coruña (Hotel Attica 21) e en horario de 16.00 a 21.00 horas (venres) e de 9.00 a 14.00 (sábados). Que podemos atopar neste curso? Pois basicamente introducirnos de cheo no que sería o esquema de traballo de aplicacións (framework) JavaScript máis empregado e prestixioso do mundo: Angular 5.
En palabras de Vitae, “esta nova versión foi redeseñada e reprogramada de arriba a abaixo, e o resultado é máis que un framework, é unha plataforma de desenvolvemento de calidade empresarial e capacidade de evolución sen precedentes”.
Entre as características e principais vantaxes de Angular 5 atópanse as seguintes: promove o emprego de TypeScript como linguaxe de partida, ten vocación de saír do navegador (conquistando servidores, escritores e teléfonos móbiles) e acompáñase de ferramentas de desenvolvemento, probas e guías de programación. Ademais, ten ao seu arredor, velando pola súa calidade, evolución e dispoñibilidade, un ecosistema-comunidade internacional a gran escala.
Segundo nos conta Vitae, os obxectivos do curso pasan por axudarnos a actualizar os nosos coñecementos para “estar á altura deste novo reto”, amais de ensinarnos os fundamentos e achegarnos as claves “para comezar a crear as aplicacións web do futuro”. Nun plano máis detallado, coñeceremos as mellores estratexias de migración ou convivencia con versións 1.x para optimizar o esforzo e o rendemento das aplicacións migradas ou híbridas, facendo fincapé en cal sería a mellor opción a elixir, mudar ou convivir segundo o escenario de partida.
En termos aínda máis concretos, desenvolveremos aplicacións multiplataforma con Angular 5, empregaremos TypeScript, dominaremos o novo renderizador deseñado para o máximo rendemento ou coñeceremos a arquitectura de grandes aplicacións baseada en módulos que agrupan compoñentes e inxección de servizos.
O curso está especialmente dirixido a programadores de aplicacións web e programadores de backend, aplicacións móbiles ou deseñadores web. Segundo lembra Vitae, é necesario que os participantes atesouren un coñecemento básico de JavaScript e HTML.
O obradoiro terá unha duración de 20 horas e presentará un enfoque eminentemente práctico.
O formador será Alberto Basalo, enxeñeiro técnico en Informática con dúas décadas de experiencia como analista programador, xefe de proxectos e formador en pequenas e grandes empresas. Basalo é, a día de hoxe, socio director de AgoraBinaria e consultor asociado a Vitae Consultores.

PUBLICIDADE