Vitae achega en abril un curso de doce horas sobre as vantaxes da comunicación interpersoal

martes, 10 de marzo do 2026 S. P.

Prosegue a formación avanzada de Vitae Consultores, referente galego e estatal para as e os profesionais da TI que queiran dar novos pasos en materia de excelencia, rendibilidade e comunicación. Disto último é precisamente do que trata o curso Comunicación Avanzada para Influír e Liderar, que ten doce horas de duración e que se celebra os días 14, 16, 21 e 23 de abril de 2026. Desenvolverase novamente en formato de aula virtual coas sesións gravadas para poder consultalas logo de xeito ilimitado.
Contexto
Dende Vitae explican deste xeito a base temática do curso: “A comunicación interpersoal constitúe a base funcional das relacións organizativas, xa que posibilita a coordinación, o liderado e a creación de sentido compartido dentro dos equipos”. Así, nun contexto marcado pola dixitalización e o traballo híbrido, “a comunicación interpersoal convértese nun elemento crítico do liderado adaptativo, onde a capacidade de xerar conexión emocional, claridade e propósito constitúe unha vantaxe competitiva sostible”, engade a consultora galega.
Obxectivos
Ao final deste seminario, os participantes saberán comprender a comunicación como proceso neurobiolóxico e relacional, identificar e xestionar os mecanismos cerebrais que inflúen na interacción; desenvolver unha escoita empática e regulada; deseñar mensaxes persuasivas e transformadoras; e potenciar o impacto comunicativo verbal e non verbal.
Javier Rovira: formador
A persoa encargada de impartir o curso será Javier Rovira, licenciado en Dereito e Administración de Empresas polo ICADE, mestrado en Dirección Xeral polo IESE e Doutorado en Economía de Empresa (DEA pola Universidade Rei Xoán Carlos). Foi profesor da ESIC Business & Marketing School e é socio director de Know How NP, consultora especializada en estratexia de innovación e desenvolvemento organizativo, tendo unha dilatada experiencia en diferentes sectores. Foi director xeral de González Byass, director xeral de Neck & Neck, conselleiro delegado de Sabelma, director de Laboratorios Babé e director de Marketing e Desenvolvemento Estratéxico de Bebidas Pepsico. Coo consultor e formador traballou con empresas como Microsoft, Terra, Monsanto, Prisa, Axencia Tributaria, Telefónica, RENFE, Dell España, Lucent, El Corte Inglés ou Porche-Saab España, entre outras moitas. Ten no seu haber unhas 10.000 horas de consultoría e unha bagaxe formativa de máis de 5.000 profesionais e directivos.