Vitae achega en maio a 42 edición do seu curso sobre dirección de proxectos áxiles con Scrum

mércores, 30 de marzo do 2022 S. P.

A pandemia cambiou o mundo, e entre os cambios máis importantes e visíbeis atopamos unha meirande dixitalización de todos procesos comunicativos, administrativos, económicos, formativos e sociais. A nivel empresarial isto ten consecuencias directas: as empresas non TIC aceleraron os seus procesos de transformación e as firmas TIC volvéronse máis rigorosas, esixentes e dinámicas nos seus procesos. Segundo informa a consultora galega Vitae, neste contexto cobran máis importancia ca nunca actividades formativas coma o Curso sobre Dirección e Xestión de Proxectos TIC Áxiles con Scrum (PDF), unha proposta histórica no panorama galego de adestramento tecnolóxico histórica que chega esta primavera, de feito, á súa 43 edición.
A persoa encargada de impartir os contidos (16 horas de formación) será novamente a prestixiosa formadora Josefina Alonso, da consultora galega. Desenvolverase novamente a través da aula virtual de Vitae.
O cur so constituirá novamente unha boa ocasión para capacitarnos nas ferramentas que aseguran a máxima calidade nos nosos proxectos tecnolóxicos e, tamén, nas metodoloxías que nos permiten coñecer polo miúdo as necesidades e requirimentos dos destinatarios deses proxectos.
O curso, que achega a opción de Certificación Scrum Manager Nivel Experto, celébrase online, na aula virtual de Vitae, os días 18, 20, 23, 25, 27 e 31 de maio.
Segundo recalcan dende Vitae Consultores, estamos ante unha actividade formativa de 16 horas que nos pon ao día nas metodoloxías coas que aplicar modelos de tráballo áxiles, uns modelos que engaden eficacia e rendibilidade e que, a maiores, permiten que establezamos a meirande proximidade cos clientes do proxecto no que estamos a traballar, sabendo o que precisan en todo intre, mesmo anticipándonos ás súas demandas e acadando a mellor comunicación posíbel.
Segundo Vitae, a orixe do obradoiro está, tamén, nas vantaxes de anticiparnos ás nosas propias demandas. Ou sexa, de preparar o camiño a percorrer para saber cara a onde dirixirnos en canto se dea unha disxuntiva. Desta maneira nolo explica Vitae: “Tendo en conta o moito que evoluciona o mercado e a necesidade das empresas de adoptar medidas para satisfacer de maneira eficaz e rápida as demandas do cliente, propoñemos este curso sobre o uso de Scrum en proxectos e desenvolvemento de software”. Esta metodoloxía, engaden dende Vitae, permitirá a implicación e auto-organización de todo o equipo profesional dunha corporación para fixar un punto de partida e definir o proceso de desenvolvemento que se executará durante o proxecto.
Nun plano máis detallado acerca do programa do curso, neste abordaranse as diferenzas entre as devanditas metodoloxías áxiles e as súas vantaxes e inconvenientes con respecto a metodoloxías pesadas como CMMI, PMI e ISO, “dando unha perspectiva global aos asistentes para que adquiran os coñecementos precisos para seleccionar a metodoloxía de dirección segundo as necesidades de cada proxecto”.

PUBLICIDADE