Vitae achega en outubro a 2ª edición do seu curso sobre usos da IA Xenerativa en empresas
mércores, 28 de agosto do 2024
A consultora galega Vitae Consultores vai organizar o vindeiro mes de outubro (os días 1, 3, 8 e 10) a segunda edición do seu curso IA Xenerativa: aplicación práctica na empresa, de 12 horas de duración. A formación pon o foco nos moitos exemplos de rendibilidade e utilidade que podemos extraer deste tipo de Intelixencia Artificial a nivel profesional e empresarial.
Este curso, informa Vitae, está deseñado para proporcionar as habilidades e coñecementos necesarios para aproveitar ao máximo as capacidades da IA Xenerativa, elevando así o seu rendemento profesional.
Un dos aspectos máis destacados deste tipo de Intelixencia Artificial “é a súa capacidade para xerar texto”, explican fontes de Vitae, engadindo que con esta ferramenta todas as tarefas comúns dun profesional de administración (redactar informes, correos electrónicos ou presentacións) pódense realizar de maneira máis rápida e precisa, mellorando a claridade e efectividade das comunicacións internas e externas.
Do mesmo xeito, os responsábeis de mercadotecnia (marketing) poden beneficiarse ao optimizar as descricións, etiquetas e títulos en redes sociais, o que incrementa o alcance e a interacción co público obxectivo. “As ferramentas de IA non só aforran tempo, senón que tamén aseguran que o contido sexa coherente e atractivo”, sinala Vitae, apuntando que no sector de recursos humanos, a IA Xenerativa pode ofrecer solucións complementarias que faciliten a mellora de currículos, a redacción de cartas de presentación ou a preparación para entrevistas. Ademais, a creación de perfís profesionais adaptados a diferentes roles vólvese unha tarefa máis eficiente. A IA pode analizar grandes cantidades de datos para identificar as habilidades e experiencias máis relevantes, axudando a seleccionar e desenvolver talento de maneira máis efectiva. Así, as persoas responsábeis de contratación poden tomar decisións máis informadas e precisas, optimizando o proceso de selección.
No ámbito da programación, a IA preséntase como unha ferramenta ideal para os desenvolvedores. Xa sexa que estean a aprender novas linguaxes de programación ou necesiten xerar código axiña, a IA pode asistir nestes procesos, facilitando a aprendizaxe e mellorando a eficiencia no desenvolvemento de software.
Os exemplos prácticos que se presentarán no curso mostrarán como estas ferramentas poden integrarse no fluxo de traballo dos desenvolvedores, permitíndolles enfocarse en tarefas máis complexas e creativas.
Vitae lembra que ademais da xeración de texto, a IA Xenerativa tamén conta con aplicacións na creación de imaxes: “Os profesionais de finanzas e administración poden utilizar a IA para elaborar informes e presentacións visualmente atractivos, mellorando a comunicación de datos e resultados”.
O curso tamén abordará a xeración de contido audiovisual, unha ferramenta cada vez máis importante en mercadotecnia e comunicación. Os profesionais do sector aprenderán a crear vídeos promocionais de alta calidade utilizando ferramentas de IA. A capacidade de producir contido audiovisual é crucial para captar a atención do público e comunicar eficazmente o valor dunha marca.
Finalmente, exploraranse no curso casos de uso prácticos da IA, integrando ferramentas como ChatGPT-4o e Gemini en diversas contornas laborais. “Estes exemplos demostrarán como a IA pode ser aplicada en situacións reais, proporcionando solucións efectivas e mellorando de xeito significativo a produtividade e eficiencia en diferentes áreas de traballo”, sinala Vitae, engadindo que este curso “proporciona unha guía práctica sobre como estas tecnoloxías poden ser aplicadas para optimizar o traballo diario de profesionais de calquera ámbito; ao finalizar, os participantes estarán equipados coas ferramentas e coñecementos necesarios para transformar a súa maneira de traballar, aproveitando ao máximo o potencial da IA”.
A persoa encargada de impartir estes contidos será Hugo Ramallo, especialista en Intelixencia Artificial e Transformación Dixital, ademais de experto na integración e capacitación en IA aplicada á educación e a contorna empresarial. No ámbito académico, conta con múltiples certificacións en IA e aprendizaxe automática de institucións como IBM, Stanford e Google. Dispón dun curso de experto universitario en Intelixencia Artificial e Big Data e un Mestrado en IA e Innovación.
Actualmente é CEO (director executivo) e co-fundador de GlobalCobots, unha empresa dedicada á formación e a integración de IA en centros educativos.
Ademais, é membro do departamento de educación en OdiseIA, un observatorio sobre o impacto social e ético da Intelixencia Artificial.