Vitae achega en xullo a nova edición do seu curso de avaliación de perfís TI

martes, 14 de xuño do 2022 S. P.

Vitae Consultores volve neste inicio do verán cunha destacada actividade formativa, non só en relación ao seu completo e continuo catálogo de cursos TIC, senón dentro do panorama de actividades de adestramento tecnolóxico do panorama galego e estatal. Trátase da edición número 17 dun curso moi acaído para facilitar o día a día das e dos responsábeis dos equipos humanos nas empresas tecnolóxicas e, tamén, das persoas encargadas dos departamentos de RR HH. O Curso Avaliación e Sección Avanzada de Perfís TI terá 15 horas de duración e celebrarase a través do formato de aula virtual, os días 4, 6, 7, 11 e 13 de xullo.
Segundo informa a consultora galega a respecto dos porqués desta demandada actividade formativa, que xa vai pola súa dezasete convocatoria, un dos problemas máis frecuentes cos que se atopan os profesionais de selección e avaliación de equipos humanos reside no baleiro formativo xeneralizado que existe en materia de ferramentas psicolóxicas básicas para avaliar a un profesional. “Isto leva a que todo o modelo de estimación falle, pois falla a base, é dicir, quen avalía non foi formado nin capacitado para tal fin”, explican dende Vitae, engadindo que o primeiro paso para calibrar o perfil dun profesional é o autocoñecemento. En base a isto, “coñecernos a nós mesmos é clave para lograr a meirande obxectividade na avaliación das candidatas e candidatos”.
Neste curso proporcionaranse estas ferramentas para o autocoñecemento profesional e para a avaliación doutros profesionais sexa cal sexa o modelo de avaliación do desempeño que se use. Amais, achegarase aos participantes a metodoloxías e ferramentas coas “que xa se conseguiron porcentaxes de éxito de máis do 90% en materia de selección de perfís TI (Tecnoloxías da Información), incluíndo perfís técnicos, perfís de xefes de proxectos, perfís de desenvolvemento de negocio e perfís de alta dirección”.
O curso virá da man de Marcos Carbonell, profesional con máis de tres décadas de experiencia nos sectores do deporte, as novas tecnoloxías e os recursos humanos. Carbonell é diplomado en Empresariais, máster en Recursos Humanos e posgrao en Marketing e en Organización de Empresas. Dende 2006 é socio director de Vitae Consultores e tense responsabilizado, directa ou indirectamente, de máis de 1.000 procesos de selección cunha taxa de máis dun 90% de éxito.

PUBLICIDADE