Vitae achega en xuño un curso de optimización avanzada de consultas con bases de datos Oracle

martes, 16 de maio do 2023 S. P.

Vitae Consultores vai celebrar no inicio deste verán, a través da súa aula virtual, o curso Optimización Avanzada de Consultas con BBDD Oracle, dirixido a administradores e desenvolvedores de Oracle Database, o sistema de xestión de bases de datos relacionais (RDBMS, polas súas siglas en inglés) de Oracle, o fabricante estadounidense de software e hardware. Serán 18 horas de formación, a celebrar os días 19, 20, 22, 26, 27 e 29 de xuño, en horario de tarde (de 16.00 a 19.00 horas).
O curso introduciranos no concepto de SQL Tunning, que é o proceso iterativo que mellora o rendemento das sentencias de SQL para cumprir obxectivos específicos, medíbeis e acadábeis. Segundo informa Vitae, o proceso garante que as sentencias SQL que xera unha aplicación poderán executarse no menor tempo posíbel, consultas SQL que poden ser optimizadas para un mellor rendemento futuro. Por certo que SQL Tunning tamén implica solucionar problemas nas aplicacións implementadas. “Pola contra”, sinala Vitae, “o deseño de aplicacións establece os obxectivos de seguridade e rendemento antes de integrar e poñer en marcha unha aplicación”.
A persoa encargada de impartir estes contidos será José Ariza, enxeñeiro técnico en Informática pola Universidade Politécnica de Madrid, con experiencia de máis de 25 anos como formador e como consultor tecnolóxico. É instrutor oficial da Oracle University para impartir a especialidade formativa Oracle 2019 Administración Autonomous Database e Machine Learning. É experto en administración e optimización de bases de datos Oracle, SQL e Red Hat. Ten asesorado e formado a empresas e entidades como a CPD da Policía Nacional, Capgemini, Servicio de Salud de Canarias, Seguros Santa Lucía, Accenture, TIC Getafe, Diputación de Jaén, Indra Software, BBVA, IECISA, Garda Civil, Mapfre, Junta de Andalucía, Sacyr, TRAGSA ou Línea Directa Aseguradora.

PUBLICIDADE